Mos aprobará definitivamente este mes os Estatutos da Entidade de Conservación do PEMOS-Veigadaña

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Serán levados ó Pleno Ordinario da Corporación Municipal que se celebrará a finais de outubro

Tras a aprobación inicial dos Estatutos da Entidade de Conservación do Parque Empresarial Mos-Veigdaña, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, informou hoxe de que a proposta de aprobación definitiva de ditos Estatutos será levada ó Pleno da Corporación Municipal do presente mes de outubro.

O acordo a tomar na vindeira sesión plenaria ordinaria, porá fin a unha longa e complexa tramitación dirixida a establecer a normativa reguladora dos dereitos e deberes dos propietarios das parcelas en canto ó que se refire á conservación das obras de urbanización do polígono.

Na sesión que se celebrará a finais deste mes, resolveranse ademais as escasas alegacións e suxerencias presentadas, previo o oportuno informe dos servizos técnicos municipais.

Os Estatutos da Entidade de Conservación do PEMOS-Veigadaña son un instrumento co que se pretende establecer unha normativa interna que permita o desenvolvemento harmónico do Parque, o mantemento adecuado de determinados elementos comúns e o control das actuacións a efectos de cumprimento das Ordenanzas Urbanísticas. Búscase con elo, tal e como explicaba a rexedora local esta mañá, “conseguir un espazo de actividade económica que contribúa a unha continua revalorización do Parque Empresarial da Veigadaña, implicando a tódolos seus usuarios ou empresas instaladas no mesmo, na consecución de dita finalidade”.

E é que tanto a administración local coma as empresas do polígono son os máximos interesados en que este se manteña óptimamente, que sexa un espazo cunha prolífica actividade económica e que dese xeito a súa revalorización sexa constante e continua. Por iso, dende que os Estatutos da Entidade de Conservación foran aprobados inicialmente, Concello e empresarios asentados no Parque traballaron conxuntamente cara a aprobación definitiva de común acordo. Ademais a aprobación definitiva dos Estatutos contribuirá a previr e solventar problemas de seguridade coma os actos vandálicos sufridos fai uns meses no Parque Empresarial.

Agora, tras ser resoltas as escasas alegacións presentadas, os Estatutos serán definitivamente aprobados resolvéndose, ó mesmo tempo, a designación do representante do Concello de Mos na Entidade de Conservación.

Unha vez inscrita a Entidade, esta adquire Plena Personalidade Xurídica e Capacidade para o Exercicio de Funcións sobre o Dominio Público e Prestación de Servizos Diversos. “O obxectivo da Entidade”, insistía Arévalo esta mañá, “non é outro que a conservación das obras de urbanización e o mantemento das dotacións e instalacións dos servizos públicos que serán cargo da Administración Pública”.