Mos aprobará inicialmente o PXOM dentro de cinco días

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A proposta de aprobación inicial será levada ó Pleno que se celebrará o día 25 deste mes

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Urbanismo, Julia Loureiro, informaron hoxe de que o Concello de Mos ten previsto levar ó Pleno ordinario do presente mes de outubro a proposta de aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Segundo explicaron esta mañá as representantes municipais, o acordo permitirá poñer en marcha un complexo procedemento no que, a través das alegacións que se formulen, os informes sectoriais, e o oportuno trámite ambiental, a proposta de planeamento irá adquirindo xa a súa redacción definitiva.

“Neste sentido, o documento inicial do PXOM mosense, será sometido a información pública durante un período de dous meses de duración, para que todos os interesados poidan presentar as alegacións que estimen pertinentes”, relataba a edil Julia Loureiro.

Por outra banda, Loureiro fixo referencia a que “a aprobación inicial terá como efecto a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio nos que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente” e informou de que “ademais, darase audiencia ós municipios limítrofes co Concello de Mos, e solicitaranse das administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten necesarios ou precisos”.

Sobre isto a rexedora local destacaba ó gran avance que suporá para o municipio de Mos a aprobación inicial do PXOM, “abríndose así, con ela, a posibilidade de dotar ó Concello dunha nova ordenación urbanística adaptada ás recentes modificacións lexislativas e esixencias ambientais e substituír así as actuais normas subsidiarias que datan do ano 1992, e que xa foron afectadas por numerosas e importantísimas modificacións normativas”, declarou Arévalo.

En conclusión, o punto no que agora se atopa o PXOM de Mos consiste, en definitiva, de ordear urbanísticamente o Concello de xeito que o novo planeamento constitúa unha garantía para os veciños e para todas aquelas industrias asentadas no municipio mosense.