Mos aprobará mañán en Pleno unha moción de apoio á Plataforma de Afectados polas Preferentes

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O grupo de goberno xa se puxo en contacto cos voceiros dos outros grupos da Corporación, PSOE e BNG, coa intención de consensuar unha aprobación unánime

 

O concelleiro de Facenda e Patrimonio mosense e voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Óscar Soto, informou hoxe de que na Xunta Local de Goberno celebrada onte acordouse solicitar no Pleno da Corporación Municipal de mañán a retirada da moción, incluída na orde do día do mesmo, do grupo municipal do PP sobre a arbitraxe de consumo e canxe de participacións preferentes e obrigas subordinadas.

 

O motivo polo cal se decide solicitar a retirada desta moción é a petición da Plataforma de Afectados polas Preferentes de presentar no Pleno de mañán a súa propia moción a este respecto, polo que o grupo de goberno considerou máis axeitado asumir a proposta de moción da Plataforma en substitución da presentada como grupo político.

 

A este respecto Soto explicou tamén que xa se puxo en contacto cos voceiros de ambos os outros dous grupos políticos membros da Corporación, PSOE e BNG, para que a moción da Plataforma de Afectados polas Preferentes, que substituirá á presentada polo PP, sexa apoiada e refrendada por toda a Corporación Municipal co voto unánime a favor da mesma, co que se demostraría o apoio de Mos ós afectados.

 

Mediante a aprobación da moción da Plataforma por parte do Pleno da Corporación Municipal, este asumirá que a comercialización de preferentes que se iniciou entre os inversores pasou a ser extensiva tamén ós aforradores ós que non se lles advertía dos riscos que conlevaban estes productos, polos cales resultaron afectadas máis de 6.000 persoas entre as que só recuperaron os seus aforros mediante o procedemento da arbitraxe unhas 1.200 persoas, quedando polo tanto aínda unha cifra de afectados de preto de 5.000 persoas. Coa aprobación da moción asúmese tamén a lentitude do procedemento da arbitraxe que empeora a grave situación económica que viven a maioría dos afectados.

 

É por iso que, tras refrendar esta realidade mediante a aprobación desta moción, asumiranse tamén os seguintes acordos plenarios: instar ó goberno español, á Xunta de Galicia e a Novagalicia Banco a que adoiten as medidas necesarias para a devolución íntegra e inmediata (antes de rematar o mes de marzo) dos aforros ás persoas afectadas, xa sexa mediante Arbitraxe de Consumo ou mediante outra fórmula; instar á Xunta de Galicia para que impugne o Real Decreto 24/2012 para que non se apliquen quitas ós aforradores; instar ó Ministerio de Xustiza a que haxa gratuidade nos procesos xudiciais; solicitar á Xunta que se persoe na demanda da Fiscalía Xeral de Galicia para que a demanda sexa admitida a trámite; dirixirse á FEGAMP para que faga seus estes acordos co fin de recuperar o aforro dos afectados; que o Concello de Mos se dirixa á entidade Novagalicia Banco para que lle notifique a condición de afectados a todas aquelas persoas que aínda descoñecen que o son; crear un grupo de traballo formado por un representante de cada grupo municipal mosense e un representante dos afectados para seguir a tramitación e cumprimento destes acordos; e solicitar o apoio da Corporación Municipal coa súa presenza na manifestación xeral organizada por tódalas plataformas de Galicia, o 2 de febreiro en Santiago, e pedir ó grupo de goberno que asuma o importe dun autobús para o transporte da veciñanza de Mos a esta mobilización.