Mos asina un convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte grazas ao que se mellorará o piso do Pavillón Óscar Pereiro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Esta optimización da instalación deportiva é fundamental para a práctica do patinaxe artístico, un dos deportes máis exitosos e practicados pola infancia e mocidade mosenses

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a nova concelleira de Deportes mosense, Begoña Toucedo, visitaron esta mañá o Pavillón Óscar Pereiro e anunciaron a mellora do firme da pista de xogo.
O Concello de Mos vai asinar un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia polo que a administración autonómica asumirá o arranxo do parqué concedéndolle á administración local unha subvención de 20.000 euros. Esta mellora era moi necesaria sobre todo para a práctica dun dos deportes máis prolíficos do municipio, o patinaxe artístico.
As de partinaxe son unhas das escolas deportivas con máis integrantes do Concello de Mos. En total sobre uns 160 nenos/as e mozos/as practican este deporte formando parte dun dos tres clubes mosenses: Escolas de Patinaxe de Mos (que conta cuns 100 patinadores/as), Club Rosaleira (que conta con sobre 30 patinadores/as) e Xiramos (que conta con outros 30 integrantes).
Todos estes xoves patinadores realizan os seus adestramentos no Pavillón Óscar Pereiro e no Pavillón Soledad Castro, polo que a optimización do firme do primeiro era unha importante demanda que por fin se fai realidade.
Os traballos que se realizarán con cargo ao convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte serán de fixación das tablas do parqué, pulido e barnizado das mesmas, así como posterior marcado e pintado das diferentes liñas que delimitan os terreos de xogo para os distintos deportes que alí se practican.
Arévalo, rexedora local mosense, declarou a este respecto que “somos concientes de que a necesidade desta reparación apremia, polo que tentaremos que os traballos comecen canto antes e se desenvolvan no menor prazo posible, xa que durante os mesmos a pista terá que permanecer pechada ao público”.
Por esta pista do Pavillón Óscar Pereiro pasan 1.500 persoas á semana. Trátanse de usuarios pertencentes aos clubes de patinaxe municipais, nenos/as das Escolas Deportivas de Baloncesto (actividade extraescolar), adultos e cativos que practican o fútbol sala, maiores participantes na actividade de ximnasia de mantemento do programa municipal ‘Exercítate’, mozos do IES de Mos que acuden a realizar algunhas das súas horas lectivas de clases de Educación Física, etc.