Mos asina un pacto para converterse nun Concello pioneiro en igualdade

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Trátase dunha política transversal baseada no compromiso municipal coa Xunta de Galicia de que todas a iniciativas organizadas incluirán dúas liñas formativas: en igualdade e en prevención da violencia de xénero

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade mosense, Sara Cebreiro, veñen de reunirse en Santiago de Compostela coa Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, nunha xuntanza incluída na rolda de visitas que a rexedora local iniciou fai uns días co goberno de Galicia.

O principal obxecto do encontro foi formalizar unha nova política transversal que inclúe á administración local e á Xunta de Galicia, neste caso en materia de igualdade. Trátase dun pacto polo que o Concello de Mos se compromete a incluír a concienciación igualitaria en dúas liñas: prevención da violencia de xénero e igualdade, en todas e cada unha das iniciativas e actividades municipais organizadas, tanto en materia de formación e emprego, como musicais, culturais, de ocio, deportivas…; así como tamén facelas extensivas á comunidade educativa achegándoas a profesorado, alumnado e familias; e ao voluntariado mosense: Protección Civil, Mos Axuda, Voluntariado Xuvenil, Voluntariado Social (de acompañamento a persoas maiores usuarias do departamento municipal de Política Social) e ao Grupo de Voluntariado Medioambiental que se atopa en proceso de creación.

“Deste xeito pretendemos que o Concello de Mos se convirta nun municipio pioneiro en materia de igualdade”, destacaron alcaldesa e concelleira.

Outros dos temas tratados por Arévalo e Cebreiro coa representante autonómica foron algunhas necesidades do Concello de Mos en materia de igualdade entre as que se atopan dar continuidade a programas municipais de participación feminina dos que xa se realizaron anteriores edicións, seguir a potenciar e mellorar o CIM (Centro de Información á Muller de Mos), perfilar diferentes programas en materia de prevención da violencia de xénero que se porán en marcha a partir do vindeiro mes de setembro; e concretar actividades para mulleres de Mos, que se celebrarán tamén a partir de setembro.

Entre ditas actividades atoparase a segunda edición da viaxe ás Illas Cíes para mulleres, dando resposta á clamorosa demanda da poboación feminina mosense, xa que o ano pasado a saída tivo unha espectacular acollida e un incrible éxito de afluencia, agotándose en poucos días as 400 prazas ofertadas.

Ademais as representantes municipais e a Secretaria Xeral, Susana López Abella, anunciaron a realización durante o mes que ven dunha iniciativa gratuíta para mulleres consistente nun curso de formación para o autocoñecemento para o bo trato. Impartirase no Multiusos das Pozas en horario de 09.30 horas a 13.30 horas todos os luns, martes e xoves de setembro a partir do día 2 do vindeiro mes.

As interesadas en inscribirse para participar poden facelo dende xa e durante todo o mes de agosto no CIM de Mos. A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia financia este programa cunha aportación económica de 8.000 euros.