Mos busca aforrar e optimizar o servizo de subministro cun contrato anual de combustible para calefacción

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O orzamento de licitación ascende a 45.000 euros e o proveedor adxudicatario terá un prazo máximo de 24 horas para servir cada pedido realizado

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada esta semana aprobouse o expediente de contratación do subministro de combustible gasóleo C de calefacción para diversos centros do Concello.

 

Tratarase dun contrato anual prorrogable a outro ano máis que está a ser xestionado polo concelleiro de Réxime Interno, Isidoro Táboas, e cuia finalidade principal é o aforro, ademais da axilidade no servizo dos pedidos.

 

O método de subministro existente ata o de agora consistía en facer un pedido a un proveedor cada vez que facía falla combustible, mentres que con este sistema de contratación anual se pretende establecer un orzamento de licitación pechado de 45.000 euros máis IVE para os 55.000 litros de gasóleo que se consumen entre todas as dependencias municipais durante un ano. Deste xeito a administración local lograría un aforro do 10% sobre a cantidade anual que actualmente está a gastar na compra de combustible para calefacción.

 

Este procedemento de contratación consistirá nun prego aberto que se publicará próximamente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, BOP, para o coñecemento xeral do mesmo. O prazo de presentación de ofertas será de 15 días naturais a contar dende o día seguinte da publicación no BOP. Os proveedores que desexen consultar o prego de condicións poden facelo a través da sección Perfil do Contratante da páxina web municipal, www.mos.es

 

Deste xeito contratarase o subministro de combustible para calefacción, gasóleo C, durante un ano para catro centros do Concello: Pavillón Óscar Pereiro-Piscina Municipal, Pavillón de Atín, Centro de Saúde e CDL (Centro de Desenvolvemento Local).

 

Ademais do importante aforro anual, que superaría os 10.000 euros, con este sistema de contratación anual a un único proveedor conseguríase darlle unha maior axilidade e rapidez ó servizo de subministro de gasóleo para os centros municipais. Isto é, incrementaríase a inmediatez entre a orde de pedido do combustible e a entrega do mesmo nas instalacións que o precisen, xa que dita entrega deberá efectuarse nun prazo máximo de 24 horas a contar dende a solicitude da subministración.