Mos busca apoio na Presidencia da Xunta para os principais proxectos municipais da presente lexislatura

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Nidia Arévalo reuniuse hoxe con Núñez-Feijóo e trasladoulle a necesidade de habilitar unha residencia de maiores no Rebullón e dar acceso dende a A-55 ao polígono da Veigadaña, ademais doutros proxectos fundamentais para esta lexislatura

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta mañá co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para plantexarlle a necesidade da acometida de varios proxectos no municipio mosense durante a presente lexislatura 2019-2023 e buscar para elo posibles vías de financiación autonómica.

As iniciativas municipais sobre as que hoxe departiron Feijóo e Arévalo abarcaron temas de diversa índole, dende saneamento ata humanizacións, medio ambiente, mellora da seguridade viaria, etc.

Os temas capitais que centraron a xuntanza foron dous proxectos consistentes na residencia para a terceira idade no Rebullón e o acceso ao Parque Empresarial da Veigadaña dende a A-55.

Respecto da residencia no antigo Hospital de O Rebullón o presidente autonómico comprometeuse coa rexedora local a que a Xunta de Galicia iniciará de xeito inmediato un estudo de viabilidade para valorar as diferentes posibilidades de abordar o proxecto. Dando así o primeiro paso de cara a facer realidade a tan necesaria residencia e centro de servizos para a terceira idade en Mos. Para elo plantéxase a transformación a tal fin dun edificio emblemático da provincia, o Hospital Psiquiátrico do Rebullón.

Para o acceso ao PEMOS-Veigadaña dende a autovía A-55 a Xunta encargará un proxecto construtivo que, unha vez rematado, será o documento a presentar perante o Ministerio de Fomento. A continuación habería que estudar a fórmula de reparto do gasto da obra de acometida do devandito acceso.

o Concello de Mos e a Xunta (Xestur), en base ao proxecto construtivo que iniciará a administración autonómica de xeito inminente, deben solicitar a Fomento a execución do acceso baseándose na necesidade para facilitar un tráfico máis fluído e un menor custo ao transporte das industrias implantadas, ao  acortar percorrido coa cidade de Vigo e acceso a Galicia Norte (Pontevedra, Santiago, A Coruña). O máis importante sería minimizar a incidencia do  tráfico actual dos polígonos, sobre a estrada nacional A-55 (actual acceso) e camiños veciñais, cos conseguintes riscos constantes de accidentes, sendo unha demanda da veciñanza cada vez maior, pois afecta á súa calidade de vida e á integridade das súas vivendas.

Ademais destes dous temas fundamentais, o presidente autonómico e a alcaldesa mosense tamén abordaron outras dúas obras de gran relevancia a acometer nesta lexislatura como son a actuación no entorno da Igrexa de San Mamede de Torroso e a senda peonil en Pereiras.

A actuación no entorno da Igrexa de San Mamede de Torroso abarcaría uns 7.000 metros cadrados. Ten por obxecto definir as obras de reforma de instalacións e urbanización da zona denominada contorno da Igrexa de San Mamede, Lugar de Igrexa, na parroquia de Torroso, pretendendo mellorar a relación e a accesibilidade entre os dous edificios dotacionais (cultural e relixioso), así como dos espazos de convivencia que se organizan entorno a eles. Por outro lado, preténdese “abrandar” a barreira de tráfico e de asfalto que fragmenta e acentúa a desvinculación entre os elementos que conforman o agregado edificatorio na estrada provincial.

A senda peonil e mellora da seguridade en Pereiras entre o Colexio de Atín e a Igrexa terá unha lonxitude de 700 metros. Esta senda viría a completar a actuación da senda peonil-ciclista executada pola Xunta na Estrada PO-331 e é prioritaria para a seguridade viaria e das persoas comunicando equipamentos e favorecendo a integración e mobilidade, consistindo os traballos en realizar senda peonil, beirarrúas, mobiliario urbano, mellora rede de servizos, iluminación pública, novo asfaltado e colocación de pasos elevados redutores de velocidade con mellora da sinalización horizontal e vertical.

A rexedora local Nidia Arévalo declarouse “satisfeita do resultado da reunión mantida co presidente, ao ter logrado o apoio para abordar os primeiros grandes proxectos da presente lexislatura”. Arévalo concluiu anunciando que continuará a buscar apoios para todas as iniciativas planificadas para os vindeiros catro anos na súa folla de ruta de xestión municipal e que informará á cidadanía de todos os pasos dados e avances obtidos ao respecto.