Mos busca ás súas parellas douradas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A Festa da Terceira Idade chega este ano á súa XXIX edición e o Concello está localizando aos matrimonios mosenses que cumpren as súas vodas de ouro para homenaxealos

Unha das celebracións máis emblemáticas do Concello de Mos, a Festa dos Maiores, chega este ano á súa vixésimo novena edición que se celebrará o domingo 25 de agosto.

O Concello de Mos organiza un ano máis a Festa da 3ª Idade dirixida aos maiores de Mos, que se celebra en Costoias, parroquia de Tameiga, nesta ocasión coa particularidade de que se atopa buscando as parellas mosenses que en 2019 cumpren 50 anos de casadas. É dicir, que contraeron matrimonio en 1969 e este ano celebran as súas vodas de ouro.

Ata o de agora dende a administración local solicitábanselles estes datos aos distintos curas párrocos e ao Xulgado de Paz de Mos para poder localizar aos homenaxeados. Sen embargo agora, coa entrada en vigor da nova Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais, houbo que cambiar este procedemento. Por iso o Concello de Mos comunica que se está a traballar na organización desta emblemática celebración e que as parellas de Mos casadas en 1969 que queiran participar nesta homenaxe que con tanto cariño se lles fai, poden acudir ou chamar (tlf. 986 33 94 04) ás oficinas do Multiusos das Pozas para identificarse e anotarse.

Como sempre a festa contará cunha Misa Cantada previa na Capela da Virxe da Pena de Francia. Ademais da asistencia dos matrimonios homenaxeados que cumpren as súas vodas de ouro ou 50 anos de casados, espérase contar, como ven sendo tradición, coa compaña dos seus familiares e amigos.

A emblemática festa goza cada ano dun éxito rotundo. Está concebida dende a administración local como parte do programa destinado ós maiores mosenses, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade; así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.

Na Festa da Terceira Idade de Mos homenaxéase aos matrimonios, das dez parroquias mosenses, que cumpren os 50 anos de casados.

Os obxectivos desta actividade son promover a calidade de vida das persoas maiores de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, facilitar os medios para a reunión deste colectivo, previr a soidade, avanzar na capacitación e autodeterminación das persoas maiores, impulsar e dinamizar as relacións sociais e facilitar espazos de ocio para as persoas maiores.

O festexo iníciase ás 12.00 horas da mañá cunha Misa Cantada (seguida de procesión) na Capela da Virxe de Pena de Francia. Os matrimonios homenaxeados son convidados polo Concello ó xantar que é ás 14.30 horas en Costoias.

Coa sobremesa, ás 16.00 horas, chega a animación musical e a entrega de agasallos ós homenaxeados.