Mos busca o seu lugar máis fermoso a través dun concurso fotográfico

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os participantes teñen dende hoxe ata o 8 de marzo para presentar un máximo de 3 obras por persoa

Hoxe pola mañá celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a presentación do Concurso Fotográfico SOMOSMOS ‘O meu lugar favorito de Mos’ na que estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo, e Julia Loureiro, concelleira de Participación Cidadá.

Os participantes no concurso, que poderá ser calquera persoa de 18 anos de idade en diante, poderá presentar ata 3 fotografías en cor de calquera zona do Concello de Mos que considerede especial. As fotos deberán ir acompañadas de nome e apelidos do autor, título da fotografía e lugar onde foi tomada. Unha vez presentadas, os/as autores/as das fotos cédenlle ao Concello de Mos todos os dereitos de uso e reprodución das mesmas, xa que as imaxes gañadoras serán empregadas en soportes publicitarios municipais.

Durante a presentación Arévalo, rexedora local mosense, declarou que “decidimos poñer en marcha un concurso fotográfico para, implicando a todos os mosenses, atopar o lugar ou os lugares que mellor nos representen e que sexan fermosos. Por iso animo a todos a participar, xa que ademais de gañar os participantes a través dos premios, o máis importante e que gañará Mos coa difusión e conseguinte repercusión dos seus recunchos máis atractivos e agradables”.

Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías en cor. O prazo de presentación das obras será dende hoxe venres 8 de febreiro ata o 8 de marzo. Os traballos presentaranse vía email, ao enderezo de correo electrónico concursosomosmos@concellomos.es. Se unha mesma persoa presenta máis dunha fotografía (ata un máximo de tres) deberá envialas xuntas nun mesmo correo electrónico.

As características técnicas de presentación de cada unha das fotos serán as seguintes: medidas 20cm x 30cm formato horizontal, resolución 300 ppp., peso máximo por foto de 5MB.
Os participantes optarán a tres premios, un 1º Premio de 300€, un 2º Premio de 200€ e un 3º Premio de 100€.

O proceso selectivo das persoas gañadoras incluirá varias fases. En primeiro lugar, todas as fotografías que cumpran os criterios de envío sinalados nas bases, iranse subindo ao Facebook do Concello de Mos a medida que vaian sendo recibidas, sendo o último día de publicación a data de remate do prazo de presentación, o 8 de marzo, ás 14.00 horas. A votación das persoas que resultarán gañadoras, extraerase dos “me gusta” obtidos polas fotos na páxina de Facebook do Concello e da avaliación dun xurado de profesionais da fotografía. Os “me gusta” contabilizaranse ata as 10.00 horas da mañá do luns 11 de marzo. Da contabilización dos “me gusta” sairán as dez fotos e autores clasificados. Estas 10 fotos pasarán a ser avaliadas polo xurado especializado en fotografía profesional, que serán os que elixan ás tres obras e persoas gañadoras.

O fallo do xurado realizarase vía Facebook e posteriormente celebrarase un acto de entrega de premios. Todas as fotografías participantes exhibiranse nunha exposición enmarcada na programación organizada con motivo da Festa da Rosa 2019.