Mos celebra a vindeira semana o Día da Biblioteca

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os usuarios da Biblioteca Municipal mosense recibirán un pequeno agasallo por visitala

A concelleira mosense de Cultura, Sara Cebreiro, informou hoxe de que o vindeiro mércores 24 de octubre celébrase o Día da Biblioteca, motivo polo cal, durante toda a semana que ven, a Biblioteca Municipal situada na Porteliña, Petelos, terá unha atención especial para cos seus usuarios.

Neste sentido a edil Sara Cebreiro explicaba esta mañá que “para destacar a importancia que teñen as bibliotecas imos celebrar o seu día agasallando cun pequeno detalle a todos os socios e socias que visiten a Biblioteca Municipal de Mos na semana do 22 ó 26 de outubro, ó igual que as persoas que se fagan socias por primeira vez”.

Horario da Biblioteca mosense é ininterrumpido de luns a venres de 10:00 horas a 21:00 horas, e nela ofrécense servizos de préstamos de diferentes lecturas coma libros, revistas e periódicos; así coma de materiais audiovisuais e outras publicacións. Outros servizos son o de acceso a Internet, escáner, impresora, fotocopiadora, espazo infantil, e visitas guiadas para nenos e adultos.

Os prazos dos préstamos para os socios da Biblioteca Municipal de Mos son dun máximo de tres obras durante 15 días con posibilidade de renovación.

As persoas que queiran obter máis información sobre a organización do Día da Biblioteca na Biblioteca Municipal mosense ou sobre os servizos que esta ofrece durante todo o ano poden chamar ó teléfono 986 33 80 80 ou escribir un e-mail á dirección de correo electrónico  biblio­_municipal@concellomos.es