Mos celebra as súas primeiras xornadas de Urbanismo para asesorar ao empresariado sobre o novo PXOM

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello estudia posibles bonificacións nas taxas por creación de novas empresas e fomento do emprego

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Urbanismo, Julia Loureiro, informaron hoxe de que o Concello está a estudiar a posibilidade de ofertar bonificacións nas taxas municipais ao tecido empresarial mosense como medida de fomento do emprego e creación de novas empresas. Sobre estas axudas e outros incentivos darán datos detallados na Xornada Informativa sobre o Plan Xeral que terá lugar o xoves 5 de outubro no Pazo de Mos e que será clausurada polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

A xornada vai dirixida a todos/as os/as empresarios/as que queiran asistir a este encontro que levará por título ‘PLAN XERAL DE MOS: UNHA FERRAMENTA SEGURA PARA O DESENVOLVEMENTO EMPRESARIAL’ e dará comezo ás 18.00 horas da tarde.

Durante a dúas hora de duración da xornada, técnicos de Urbanismo do Concello de Mos, xunto a responsables de Xestur e da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), expoñerán detalladamente e motivados pola recente aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mos, a distribución de chan produtivo no territorio, a súa clasificación con respecto ao uso empresarial, así como os estímulos promovidos desde a administración local para motivar a implantación de novas empresas no municipio.

De igual forma, informarase sobre o chan dispoñible no Parque Empresarial de Mos (PEMOS), así como as bonificacións vixentes e a proposta de construción de naves modulares promovida pola Asociación de Empresarios de Mos, para facilitar o acceso ao chan industrial da pequena empresa.

Clausurarán o encontro, de marcado carácter empresarial e que contará co apoio e a presenza do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), D. Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria, D. Alfonso Marnotes, director Xeral de Orientación e Promoción Laboral, e Dna. Nidia Arévalo, alcaldesa do Concello de Mos.

Ao finalizar departirase entre tódolos presentes para favorecer a interacción, consulta e relación entre autoridades, técnicos e empresarios asistentes.

Os interesados en asistir á devandita xornada deben poñerse en contacto canto antes co departamento de Urbanismo do Concello de Mos, a través do teléfono 986 331 402 ou o e-mail: urbanismo@concellomos.es xa que o aforo do encontro está limitado a 200 participantes.