Mos celebra o seu Trofeo de Baile Deportivo con Patricia Martínez como protagonista

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Nesta ocasión o evento deportivo albergará tamén a Final do Open Internacional ArtDance, competición internacional sen precedentes en Galicia

 

Esta mañá celebouse no salón de sesións do Concello a presentación do Trofeo Concello de Mos de Baile Deportivo (Final Open Internacional ArtDance 2014). O Open Internacional ArtDance representa unha competición internacional sen precedentes en Galicia.

 

Na presentación estiveron presentes Patricia Martínez, bailarina mosense e Campiona de España en reiteradas ocasións, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Isidoro Táboas, concelleiro de Deportes, Miguel Abreu, director da escola de baile Pasos, Kely Monzón, concelleira de Educación e Participación Cidadá, e Sara Cebreiro, edil de Cultura mosense.

 

O Trofeo de Baile Deportivo celebrarase no Pavillón Óscar Pereiro o vindeiro domingo, 14 de decembro, en horario de 12.00 horas a 20.00 horas e o prezo da entrada será de 6 euros. Neste evento deportivo participarán un total de 120 parellas entre as que se atoparán Patricia Martínez e Adrián Esperón, na que será a súa última competición do ano 2014, despois de levar dous meses competindo fóra de España. Neste sentido Martínez declaraba “sentirse orgullosa de poder competir por última vez no ano na súa localidade natal e nunhas datas tan sinaladas coma estas”, dixo a bailarina da parroquia de Mos. E é que esta será unha das poucas oportunidades de ver bailar en Galicia a Patricia Martínez. Entre as 17.00 horas e as 19.00 horas do domingo será o horario no que actúen as parellas de Mos.

 

Patricia Martínez e Adrián Esperón son oito veces Campións de España de Baile Deportivo e no presente ano 2014 gañaron o Campionato de España de Standard e de 10 Bailes.

 

As 120  parellas participantes competirán nas modalidades de Standard e Latino. Dentro da modalidade Standard bailarán Vals Inglés, Tango, Vals Vienés, Slow Fox e Quick Step. E incluídos na modalidade de Latino realizarán os seguintes bailes: Samba, Chachachá, Rumba-Bolero, Pasodobre e Jive (unha variante do Rock and Roll).

 

O domingo tamén bailarán por primeira vez os alumnos da Escola de Baile de Mos na que imparte clases Patricia Martínez.

 

A competición estará dividida en categorías de idade e participarán alumnos e alumnas de Mos, Porriño, Tui, así coma doutras localidades da xeografía española e de Portugal. Explicaba hoxe Miguel Abreu que “o baile está recoñecido polo COI e COE (Comités Olímpicos) como deporte oficial e ten a súa propia Federación en España”.

Pola súa banda os representantes municipais manifestaron a súa satisfacción pola organización un ano máis deste Trofeo de Baile Deportivo que o Concello de Mos xa leva acollendo numerosas edicións e supón todo un clásico dentro da programación deportiva municipal. “Por suposto contar coa presencia de
Patricia Martínez é para nós unha verdadeira honra e unha enorme satisfacción”, apuntaron.

 

Ademais ó longo do día realizaranse un Open de Bachata e un Open de Kizomba que van dirixidos a calquera persoa á que lle guste bailar, polo que todo o mundo poderá participar nesta parte da competición que será totalmente social e aberta ós aficionados á danza.

 

Exhibición de Nadal de Baile Deportivo

 

E para os amantes dos bailes de salón que estean impacientes por desfrutar deste tipo de espectáculos antes do domingo, mañá mesmo levarase a cabo a Exhibición de Nadal de Baile Deportivo, durante a que bailará a canteira mosense, os alumnos e alumnas de Patricia Martínez, realizando unha mostra do seu bo facer tanto da modalidade Standard coma de Latino, pero sempre ambientada no Nadal con decoración, coreografías e música navideñas.

 

O acto celebrarase mañá, venres 12 de decembro, a partir das 20.30 horas no Multiusos.