Mos clausura o seu IV Programa Integrado de Emprego tras lograr que o 68% dos usuarios tiveran un contrato

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Participaron 100 persoas en situación de desemprego para as que se estableceron itinerarios individualizados e integrados de inserción, orientados á mellora da súa ocupabilidade

 O IV Programa Integrado de Emprego de Mos celebrou esta mañá na Axencia de Colocación o acto de clausura. No mesmo estiveron presentes as persoas beneficiarias e o equipo técnico do Programa xunto co tenente alcalde de Mos, Camilo Augusto, o xefe territorial da consellería de Economía, Emprego e Insdustria, Ignacio Rial, a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, e representantes de empresas colaboradoras no Programa Integrado.

No IV Programa Integrado de Emprego de Galicia Mos 3.0 participaron 100 persoas en situación de desemprego. Subliñar que o 68% das persoas participantes no Programa accedeu ao mercado laboral durante diferentes períodos, estando unha gran maioría traballando na actualidade en diferentes sectores. Por outra banda, facer mención a aquelas persoas participantes (6%) que, como resultado das accións de orientación e formación realizadas, decidiron retomar estudos académicos priorizando este obxectivo sobre a inserción laboral.

Con 50 usuarios chegouse ao obxectivo de inserción do 45%. Ademais hai 5 persoas insertadas non computables, xa que acadaron un tipo de traballo suxeito a beca/contrato que non contabiliza ou foron contratados nos 15 primeiros días posteriores á incorporación no Programa. E tamén con 5 usuarios estase no camiño de acadar o obxectivo en breve, xa que hai que ter en conta que o IV Programa Integrado de Emprego non remata ata do vindeiro día 31 de outubro.

Cómpre tamén facer mención aos convenios de prácticas non laborais asinados con diferentes empresas, a través dos cales nove persoas foron formadas (ou o están sendo) nun posto de traballo de cara a unha inserción laboral.

Neste momento o Programa atópase na recta final, contando con servizos que están en funcionamento de xeito permanente tales como a Aula Aberta de Informática, a través da cal se ofrece acceso gratuíto a equipamento informático e apoio individualizado prestado por persoal cualificado; a Escola de Emprendemento, que ofrece mentorización e asesoramento a aquelas persoas interesadas en desenvolver unha idea empresarial; e clases preparatorias da E.S.O destinadas a aquelas persoas interesadas na obtención deste título nas convocatorias establecidas oficialmente. Ademais no último trimestre impartíronse un total de 5 accións formativas que foron cursos de: limpeza industrial, novas tecnoloxías, formación online en idiomas, innovación, márketing, etc.; avaliación das competencias persoais na busca de emprego e permiso de conducir tipo B. As accións próximas a implantar antes do remate do IV Programa Integrado de Emprego son a titulada “Cociña creativa ou de autor/a- manipulador/a de alimentos” cunha duración de 40 horas, que comezará esta semana; así mesmo, está previsto a realización dunha visita ao Polígono Industrial de Porto do Molle para coñecer o Centro de Negocios e por outra banda, o vindeiro día 21 de outubro, terá lugar o Seminario de Mobilidade Transnacional, coa finalidade de dar a coñecer as oportunidades de Emprego no ámbito da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O IV Programa Integrado de Emprego conta cunha subvención de 250.000 euros da Xunta de Galicia. Encádrase dentro das políticas activas de emprego que se desenvolven dende o Concello de Mos e móstrase como un catalizador de tódalas “oportunidades” de emprego ás que as persoas en busca activa de emprego poden acceder, así como as empresas que buscan perfís determinados para ás mesmas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, cofinancia este programa, orientado a explorar novas alternativas de inserción laboral dos demandantes con especiais dificultades de acceso ao emprego. Dos seus 100 usuarios participantes 6 son persoas desempregadas en risco de exclusión social (incluidas as perceptoras de Risga), 4 persoas con dicapacidade, 35 persoas desempregadas menores de 30 anos con baixa cualificación, 25 persoas desempregadas menores de 30 anos cualificadas, 25 persoas desempregadas maiores de 45 anos, e 5 persoas cobrando prestación ou subsidio de desemprego.

Trátase dun Programa Integrado de Emprego, homoxéneo, global e sistémico que permitiu establecer itinerarios individualizados e integrados de inserción, orientados á mellora da ocupabilidade dos participantes no programa, á mellora das competencias profesionais, a través de formación adaptada ás necesidades detectadas en colaboración coas empresas colaboradoras do proxecto, ou ben a través de formación transversal e complementaria, que complete o perfil do usuario, derivándoo a un período de prácticas nas empresas, cuxa finalidade é a participación nos procesos selectivos que a empresa esté desenvolvendo e finalmente a inserción.

Consolídase con esta cuarta edición a actuación de intermediación laboral que dende a concellería de Emprego -a través da Axencia de Colocación- se realiza, e enriquécese con ferramentas novedosas e innovadoras, que apostan totalmente polo contacto directo e continuo co tecido empresarial, perseguindo cubrir as necesidades de persoal, con perfiles profesionais que se axusten ás súas necesidades.

O orzamento total do proxecto é de: 312.000 €. O equipo directivo está formado por 3 técnicos/as de orientación e prospección laboral e intermediación laboral. Entre outros, o servizo fundamental que ofrece o Programa Integrado de Emprego é atención persoalizada e grupal ás persoas participantes. A metodoloxía de traballo está baseada en técnicas de coaching, e serán as persoas desempregadas os propios protagonistas dos seus procesos de empregabilidade. O obxectivo é mellorar a súa empregabilidade dende unha óptica que os sitúa nunha posición activa, comprometida e solidaria ante os grandes retos que impón a situación actual.

O programa concibe á persoa desempregada como a portadora das competencias necesarias para facer frente á situación, e por elo, aplica un programa de traballo deseñado para potenciar a adquisición, desenvolvemento e/ou descubrimento de ditas competencias. Para logralo, é fundamental o traballo sistemático e organizado dun equipo de desempregados/as de distintas idades e cualificacións, que funcione seguindo un modelo de empresa, baixo a responsabilidade dun profesional competente e especializado neste modelo de intervención. Ademais de atención persoalizada, os/as beneficiarios/as do Programa Integrado de Emprego reciben formación e intermediación laboral coas empresas, así como formación específica establecida coas empresas colaboradoras, co obxectivo de acadar compromisos de inserción.