Mos comeza a súa andaina a prol da redución de emisións, no marco do Pacto polo Clima

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Esta semana celebrouse a primeira reunión técnica, na que se marcou a folla de ruta a seguir nos próximos anos para reducir nun 40% as emisións de CO2 e de tódolos gases de efecto invernadoiro

 

O mércores 4 de setembro celebrouse no Concello de Mos a primeira xuntanza entre técnicos municipais e da Xunta para botar a andar o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, cuxa adhesión aprobouse por unanimidade no último Pleno da Corporación Municipal mosense do día 26 de agosto.

 

Na reunión do pasado mércores, xunto cos técnicos do Concello de Mos e da consultora contratada pola Xunta de Galicia para este proxecto, estiveron presentes o concelleiro mosense de Medio Ambiente, Leo Costas, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen ademais asinou o documento de adhesión definitiva ao Pacto. Tras esta sinatura o Concello de Mos xa está volcado na Plataforma do Pacto e dispón dunhas credenciais para acceder á mesma. E figura ademais no programa de rexistro en Bruxelas no listado de concellos adheridos ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía.

 

A do día 4 foi a primeira reunión técnica entre persoal municipal e autonómico, na que se perfilaron as liñas a seguir para comezar a redacción do proxecto mosense que marcará a folla de ruta e o protocolo a seguir de cara a facer efectiva a incorporación ao Pacto.

 

O edil Leo Costas agradeceu “o labor de apoio e asesoramento que brinda neste sentido a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda á hora de participar no Pacto” e declarou que “dende este equipo de goberno estamos moi sensibilizados e concienciados co medio ambiente e co cambio climático, polo que dende a administración local esforzarémonos ao máximo na elaboración do proxecto director e levaremos ata as últimas consecuencias a adhesión ao Pacto”.

 

Da pasada reunión extraeuse a folla de ruta a seguir nos próximos anos respecto do Pacto. O primeiro paso é a elaboración por parte do Concello de Mos do PACES, unha memorial anual do consumo enerxético dos edificios municipais e do alumeado público. O prazo límite para entregar este documento é o ano 2021.

 

Unha vez presentado o PACES e, en base aos resultados do mesmo, elaborarase o plan de medidas para reducir nun 40% as emisións de CO2 e de tódolos gases de efecto invernadoiro. Entre elas, promoveranse tanto medidas municipais como propostas para involucrar aos particulares, con iniciativas como por exemplo as vivendas con ‘etiqueta verde’, grazas ás que os veciños poidan beneficiarse de bonificacións e incentivos.

 

A partir do ano 2021, tope para a presentación do PACES, o Concello de Mos será obxecto dunha auditoría cada dous anos, na que se controle que a redución das emisións cumpre os parámetros establecidos. O cumprimento dos mesmos implicará beneficios para a administración local mosense, tales como prioridade e facilidades á hora de solicitar e recibir subvencións.

 

O Concello nomeou na reunión do outro día a un dos técnicos municipais presentes na mesma como funcionario responsable e de referencia do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, para que faga as veces de coordinador e fío condutor deste proxecto ao longo do tempo.

 

O Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía trátase dunha iniciativa impulsada hai máis dunha década a nivel europeo para implicar tamén ás administracións locais na loita contra o cambio climático.

 

A iniciativa está coordinada e liderada desde finais de 2017 en Galicia pola Xunta. Nestes momentos xa conta co apoio de 121 municipios galegos e doutros 22 que están aínda en trámite de adhesión.