Mos comeza o ano con forza

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

A obra tan demandada pola veciñanza mosense de mellora do nó de Sanguiñeda atópase en marcha

 

Unha das obras máis importantes da presente lexislatura no Concello de Mos, a de acondicionamento e humanización do nó de Sanguiñeda, iniciouse a finais do pasado 2017 e comezou este ano a pleno rendemento, tal e como informaba esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen declaraba que “coa obra tan demandada pola veciñanza do nó de Sanguiñeda en marcha, era a mellor forma posible de comezar na localidade mosense o novo ano 2018”.

Os traballos comezaron pola Rúa Progreso, onde continúan a día de hoxe, e os labores realizados ata o de agora consistiron na resolución do saneamento separativo de acometida de canalizacións separadas para as auguas pluviais e fecais e na instalación da tubería para o abastecemento de auga potable. Estes días rematarase a execución da tubería que atravesa a Rúa Progreso por completo e que permite separar o saneamento de augas pluviais e fecais. A continuación seguirase traballando na Rúa Progreso para humanizala por completo.

Este proxecto de acondicionamento e humanización do nó de Sanguiñeda é posible grazas ao convenio de colaboración asinado entre o Concello de Mos e a Axencia Galega de Infraestruturas, que financia íntegramente a obra. Este convenio terá vixencia ata finais do ano 2019.

 

O acondicionamento do nó de Sanguiñeda abrangue o tramo entre as estradas N-120 e a N-550. O investimento desta obra ascende a algo máis de 1 millón de euros.

 

Esta mellora nace da necesidade, por parte do Concello de Mos, de adoptar medidas para a humanización e a mellora da accesibilidade dos peóns no nó de Sanguiñeda, polo que solicitou a colaboración do Goberno galego para a súa urbanización. Esta vía de titularidade local sitúase entre a Autovía A-55 e a estrada N-550, na zona limítrofe entre os municipios de Mos e Porriño, e conta cun tráfico importante de acceso aos núcleos próximos.

 

O Executivo autonómico subvenciona a actuación, por algo máis dun millón de euros, importe no que están incluídos os gastos de execución das obras e os dos contratos accesorios de servizos para o control das mesmas. Pola súa banda, o Concello de Mos contratou e executa as obras.

 

Previamente á licitación da obra, a administración local mosense asumiu a titularidade dos primeiros 160 metros da PO-329 (Sanguiñeda-Torneiros), ata o límite co Concello do Porriño. Trátase do tramo da denominada Rúa Progreso por onde se iniciaron as obras obxecto do convenio.

 

A actuación no nó de Sanguiñeda ten por obxecto mellorar da seguridade viaria e reordenar os espazos, dando maior protagonismo aos tráficos peonís, polo que abarca as seguintes zonas:

 

  • As glorietas do nó: a da “Costilleta”, no enlace baixo a A-55, que serve de intersección entre a avenida Sanguiñeda, a PO-511 e a rúa Progreso (PO-329); e a das Angustias, que conecta a N-550 coa N-120, a avenida de Galicia e a rúa Ramiráns.
  • A vía  existente entre as dúas glorietas: de 265 metros de lonxitude, que pasa sobre a vía de ferrocarril; ten actualmente dous carrís de circulación de 3,5 m de ancho e beiravías de menos dun metro, polas que transitan a pé e de maneira pouco segura os usuarios do  entorno
  • Os tramos que non se atopan urbanizados ou que é preciso renovar das restantes rúas indicadas nas aproximacións ás glorietas.

 

As actuacións adáptanse ás aliñacións urbanísticas vixentes, tal é o caso das beirarrúas desde a glorieta das Angustias ata a da Costilleta; a reordenación da sección transversal nos accesos ás glorietas, reducindo as beiravías para incrementar o ancho das beirarrúas; e as beirarrúas da N-550 e da rúa Ramiranes, polas que discorre o Camiño Portugúes, que se executarán con pedra granítica.

 

Así mesmo, levarase a cabo a creación dunha zona de aparcadoiro entre a rúa Ramiráns e a Avenida de Galicia; mellorarase a rede de drenaxe e a rede de alumeado público; rehabilitarase o firme das vías, mediante fresado da rodadura e extensión dunha nova capa; e a sinalización, balizamento e varandas para protección de peóns, ademais de dotar de mobiliario urbano e xardinería.