Mos conclúe a campaña intensiva estival contra incendios tras ter actuado en 112.000 metros cadrados de terreo

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Imaxe de arquivo do pasado mes de xullo, cando comezaron a traballar os 14 brigadistas.

 

Esta semana remataron o seu contrato os 14 brigadistas contratados polo Concello grazas a dúas subvencións autonómicas

Hoxe conclúe a campaña intensiva de prevención contra incendios en Mos coa finalización do contrato dos últimos brigadistas contratados durante o verán.

A campaña remata tras ter intervido nun total de 111.900 metros cadrados, preto de 12 hectáreas, e realizado 66 actuacións entre talas, desbroces, execucións subsidiarias de limpeza de fincas, prevención e mantemento de zonas forestais e incendios forestais. No caso de extinción de lumes tratáronse de focos comprendidos entre os Concellos de Mos, O Porriño, Tomiño, Gondomar, Pazos de Borbén, Redondela e Vigo.

Todos estes traballos foron executados por 14 brigadistas contratados polo Concello de Mos durante os meses de verán, de xullo a outubro, grazas a 2 axudas autonómicas da Xunta de Galicia.

Con cargo ao Convenio interadministrativo subscrito entre a Consellería de Medio Rural e o Concello de Mos para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais, contratáronse a 12 traballadores nos postos de Oficial 1ª conductor motobomba (7), Xefe de brigada (1) e Peóns (4).

Tamén a través doutra subvención da Xunta de Galicia traballaron neste ámbito 2 persoas na brigada contra incendios a través do programa de fomento do emprego no medio rural (Aprol Rural) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en postos de peón forestal.

Todos eles coordinados polo axente responsable do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, Rodrigo Iglesias, que depende da concellería de Medio Ambiente Sostible mosense, dirixida polo edil Leo Costas.

No total de actuacións realizadas o pasado verán dentro da campaña intensiva de prevención contra incendios inclúense actuacións en tarefas de prevención tales como 27 intervencións nun total de 38 parcelas, cunha superficie de 60.000 metros cadrados, de expedientes de execución subsidiaria de limpeza e tala. E as zonas de titularidade pública nas que se acometeron traballos foron o polígono da Veigadaña, Penacova e Alfacuca, que sumaron unha superficie traballada 25.000 metros cadrados. A superficie estimada total dos traballos acometidos é 85.000 metros cadrados. Mentres que as actuacións en tarefas de intervención en lumes forestais producíronse nun total de 28 incendios entre Mos e os outros 6 municipios arriba mencionados.

E ademais realizouse por primeira vez en Mos de xeito subsidiario a tala de parcelas grandes que se contratou cun madeireiro. Por parroquias, en Dornelas taláronse 5.700 metros cadrados, en Louredo 10.500 metros cadrados, en Cela 8.700 metros cadrados, en Pereiras foron os propios propietarios os que realizaron as tala e e foron 2.000 metros cadrados. En total 26.900 metros cadrados de terreo pegado a vivendas onde se retiraron eucaliptos, piñeiros, acacias mimosas e outras especies prohibidas dentro do Plan Municipal contra Incendios. En todas estas parcelas despois de talar desbrozouse e triturouse o sobrante.

Á súa vez moitos veciños procederon a realizar voluntariamente talas e limpezas pero a concellería de Medio Ambiente sostible continuará coa realización de talas e desbroces durante o outono e o invierno para chegar á vindeira primavera ao día.