Mos conta xa con cinco puntos wifi operativos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Son as zonas do Multiusos, o Pavillón Óscar Pereiro, a Biblioteca Municipal, a Axencia de Colocación e o Concello

O Concello de Mos conta desde fai unhas semanas con cinco puntos wifi abertos para uso de todas aquelas persoas que desexen conectarse a internet dende os seus dispositivos móbiles, tablets e/ou ordenadores portátites.
As cinco localizacións son as zonas do Multiusos das Pozas, a Piscina Municipal no Pavillón Óscar Pereiro, a Biblioteca Municipal na Porteliña, a Axencia de Colocación e o Concello.
En todas as localizacións está realizada a instalación do wifi municipal que xa está operativo e dando servizo.
A instalación, promovida dende a concellería mosense de Novas Tecnoloxías, foi levada a cabo conxuntamente entre os encargados dos mantementos eléctrico e informático do Concello de Mos.
Todos os puntos de acceso están configurados coas seguintes condicións: máximo 1 MB de descarga e subida por dispositivo conectado para non sobrecargar a rede, velocidade que é suficiente para realizar consultas por internet, e concesión da conexión durante 2 horas, despois dese tempo os usuarios terán que volver a conectase.
O acceso é totalmente libre e gratuíto sen necesidade de contrasinal.
Ata o de agora só existía en Mos un punto wifi de escasa cobertura no contorno da Casa Consistorial, concretamente na Praza do Concello. Fora instalado en 2012 a través da iniciativa provincial Repoblar.
Agora, con esta iniciativa municipal, amplíanse ata cinco os puntos wifi da localidade mosense. As cinco zonas de conexión wifi libre e gratuíta son lugares de concentración de servizos e gran afluencia diaria de persoas, por iso foron elixidas estas cinco ubicacións en concreto.
Dende a administración local infórmase de que estes cinco puntos wifi son só o primeiro paso co que arranca o plan municipal de implantación de conexión wifi por todo Mos, chegando ás 10 parroquias, nas que a instalación realizaríase, entre outras, nas zonas nas que se atopan ubicadas as asociacións veciñais, culturais, deportivas, etc. existentes en cada unha delas.