Mos convenia con Solidariedade Galega co Pobo Saharaui o seu apoio ó programa Vacacións en Paz 2013

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa mosense e a presidencia da asociación asinaron esta mañá no Concello o acordo de colaboración

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla, -na compaña da concelleira de Benestar Social e ademais delegada da asociación no municipio, Sara Cebreiro- asinaron esta mañá no Concello o convenio de colaboración entre ambas entidades que se renova cada ano en apoio da administración local mosense ó programa Vacacións en Paz.

 

Mediante a sinatura deste acordo o Concello de Mos aporta unha axuda para os billetes de avión dos nenos e nenas saharauis que virán a pasar á localidade mosense as súas vacacións de verán. Ademais comprométese a difundir o programa Vacacións en Paz e colaborar na selección de familias acolledoras a través dun técnico municipal, tamén a realizar unha recepción no Concello ós nenos e estar presentes no momento que son recibidos por cadansúa familia acolledora, e participar no acto de despedida dos cativos.

 

O programa Vacacións en Paz preséntase coma un marco de solidariedade e axuda desinteresadas co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica ós nenos e nenas saharauis. Trátase de ofrecerlles a estes nenos e nenas, nados dentro dun clima de guerra, a posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non só á asú formación, senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e saharaui.

 

Os nenos e nenas do pobo saharaui que pasarán os meses de xullo e agosto en Mos deberán ser coidados polos veciños de Mos que presenten a súa solicitude e garantan o dereito á saúde dos pequenos, realizándolles os controis médicos pertinentes; que garantan as necesidades fundamentais dos menores e lles aseguren a súa integridade física e emocional, así coma o respecto ás súas crenzas. Tamén se pretende favorece-la súa integración no seu medio durante a estadía en Mos, e garantir o regreso cos seus pais e familias ó remate das vacacións.

 

Outros dos obxectivos deste programa son facilitar a asistencia médica e de alimentación dos nenos beneficiarios, promover entre a sociedade valores de tolerancia e solidarieade que faciliten a convivencia e a integración de tódalas persoas, que os cativos saharauis perfeccionen a aprendizaxe das linguas castelá e galega que estudan nos seus programas escolares, darlles unha alternativa de ocio para as vacacións de verán e evitar que pasen os meses de xullo e agosto nos campamentos, onde se alcanzan, durante esas datas, temperaturas de máis de 50 graos centígrados.