Mos crea a Unidade Medioambiental Municipal

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Integra as accións en beneficio do Medio Ambiente tanto da propia concellería como do Servizo Municipal de Emerxencias, a Policía Local, o Grupo de Voluntariado Medioambiental que se atopa en proceso de creación, e a veciñanza en xeral, que poderá colaborar a través dunha App móbil

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, anunciaron hoxe a creación da principal das promesas electorais e materia medioambiental, unha Unidade Medioambiental Municipal que vertebrará as accións e a colaboración conxuntas entre o Departamento de Medio Ambiente, o Servizo Municipal de Emerxencias, a Policía Local, o Grupo de Voluntariado Medioambiental e a veciñanza en xeral.

A Unidade, que se atopa en proceso de constitución e que entrará próximamente en funcionamento, está integrada polo propio edil de Medio Ambiente, Leo Costas, por un funcionario administrativo do Departamento de Medio Ambiente, un membro do Sevizo Municipal de Emerxencias, un axente da Policía Local de Mos e polo Grupo de Voluntariado Medioambiental (que se atopa en fase de creación).

Todas aquelas persoas que desexen pasar a formar parte do Grupo de Voluntariado Medioambiental de Mos poden inscribirse no mesmo chamando ao teléfono 986 33 94 04 ou escribindo un correo electrónico ao enderezo omix@concellomos.es

A creación deste grupo está pensada para a formación dos seus integrantes e posterior participación en labores de rescate de animais abandoados, feridos ou perdidos, rutas a pé polos sendeiros, parques e muíños mosenses -para a limpeza dos mesmos-, control e denuncia de posibles verquidos incontrolados, organización de campañas de concienciación medioambiental, etc.

A veciñanza en xeral tamén ten cabida nesta Unidade Medioambiental Municipal, xa que a colaboración cidadá terá unha gran importancia e peso, posto que se lle dará voz a través dunha App para os teléfonos móbiles mediante a que os habitantes do Concello de Mos poidan informar de posibles infraccións medioambientais, problemas detectados, aportar suxerencias, etc.

Esta aplicación móbil permitirá a presencia de toda a cidadanía mosense que así o desexe na nova Unidade Medioambiental Municipal.

A Unidade integrará tamén os Plans de Acción contra a Vespa Velutina que se levan a cabo dende a administración local e terá un papel importante na xestión do Centro de Interpretación da Natureza e Ecoloxía en Alfacuca que se quere poñer en marcha en colaboración con EVD Galicia e que contaría con diversas zonas para a realización de actividades ecolóxicas, así como de compostaxe verde, adestramento canino e refuxio e gardería de cans.

Esta é unha das primeiras medidas do programa electoral do goberno local que se pon en marcha nesta lexislatura que recén comeza, unha das máis importantes da área de Medio Ambiente, e que entrará a funcionar este mesmo ano. Segundo informou o concelleiro responsable da mesma, Leo Costas.