Mos crea o Consello Municipal da Igualdade

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A creación foi aprobada pola unanimidade do Pleno e o regulamento será levado a aprobación na sesión plenaria ordinaria do presente mes de febreiro

O Pleno da Corporación Municipal mosense aprobou, por unanimidade dos seus membros, o pasado luns na sesión ordinaria do mes de xaneiro, a creación do Consello Municipal de Igualdade. Tal e como explicaron a alcaldesa de Mos e a concelleira de Política Social, Nidia Arévalo e Sara Cebreiro, respectivamente, “a iniciativa de constituír o Consello Municipal da Igualdade nace da posta en marcha do CIM (Centro de Información á Muller do Concello de Mos) e das periódicas celebracións da Mesa Local contra a Violencia de Xénero; como un ente vertebrador e integrador de todas as accións municipais desenvolvidas en materia de igualdade”.
Unha vez aprobada a creación do Consello, será levada a Pleno do presente mes de febreiro a aprobación do regulamento que rixa o funcionamento do mesmo.
O Consello Municipal da Igualdade está composto pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, membros integrantes da Corporación en base á representatividade proporcional de cada grupo político, persoal técnico adscrito ao Departamento de Benestar Social e do Centro de Información á Muller (CIM), e unha/un representante de cada unha das asociacións veciñais, culturais e deportivas do Concello de Mos, así como daquelas asociacións, entidades ou organizacións que teñan como finalidade primordial potenciar a integración social das mulleres e a igualdade real e efectiva de mulleres e homes.
O réxime interno do Consello Municipal da Igualdade consta dos seguintes órganos: presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a, Pleno, Xunta Executiva e Comisión de Traballo. Recae o cargo de presidenta na alcaldesa ou persoa en quen delegue.
O Consello Municipal de Igualdade é un órgano de participación, asesoramento, consulta, seguimento e canalización da problemática e da vida cidadá das mulleres, así como promoción da igualdade de oportunidades entre a cidadanía municipal.
O Concello de Mos ven participando de xeito activo na promoción de actuacións encamiñadas a erradicar a desigualdade e a discriminación por razón de sexo no ámbito local, así como a participación plena da cidadanía en todos os ámbitos da vida municipal.
Coa posta en marcha do Centro de Información á Muller no ano 2017 e nas reunións das Mesas Locais contra a Violencia de Xénero, xurdiu a necesidade de crear un espazo para a participación, diálogo e interlocución entre a cidadanía e o Concello. Por iso se fixo necesario por en marcha o Consello Municipal da Igualdade, como órgano no que poidan participar, as asociacións e entidades representativas dos intereses sociais, na elaboración e seguimento de políticas municipais en materia de igualdade e que garanta a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no Concello de Mos. Este Consello será, en definitiva, o medio de canalización das problemáticas que incumben ás mulleres e a vida cotiá das mesmas, así como unha canle para facer efectivo e real a igualdade de oportunidades entre toda a cidadanía. A igualdade de dereitos entre mulleres e homes é unha necesidade esencial nunha sociedade democrática moderna que, desde todos os niveis normativos, téntase conseguir a través de diversas medidas.
Deste xeito constitúese o Consello Municipal da Igualdade como órgano de participación, asesoramento, consulta, seguimento e canalización da problemática e da vida cidadá das mulleres, así como da igualdade de oportunidades entre ambos sexos.
Será o ente municipal encargado de recoller, estudiar, emitir propostas para a resolución das demandas, conflitos, situacións de discriminación e mellora, atendendo aos trazos específicos do colectivo social ao que vai dirixido e as súas peculiaridades organizativas.
Coa súa creación dende o Concello de Mos perséguense obxectivos tales coma defender os dereitos das mulleres velando polo cumprimento das disposicións legais e previndo as posibles discriminacións que se poidan producir en calquera dos eidos de actuación.
Fomentar a concienciación das mulleres da súa propia situación, así como promover cambios nas actitudes e comportamentos dos homes que perpetúan a desigualdade entre ambos.
Impulsar, promover e apoiar o asociacionismo feminista e de mulleres e aqueles outros que promovan a igualdade entre xéneros respectando a súa autonomía.
Potenciar a participación social das mulleres co fin de que se constitúan responsables e protagonistas do seu propio proceso de promoción e desenvolvemento e para a consecución dunha igualdade real e efectiva.
E impulsar, promover e orientar medidas e plans de actuación para as mulleres e homes e facer un seguimento das actuacións municipais neste eido, así como dos procedementos dos distintos niveis da administración.
Para acadar estes obxectivos o Consello Municipal da Igualdade levará a cabo tarefas como participar nas actividades e proxectos que, relacionados coas mulleres, realizan as distintas concellerías do Concello, así como na valoración das mesmas; fomentar a investigación sobre a situación das mulleres nas diferentes áreas; difundir a documentación e información específica relativa ás mulleres e á igualdade; fomentar a participación das mulleres en todas aquelas actividades que favorezan a súa plena equiparación cos homes; colaborar na elaboración de programas e na execución dos mesmos; facilitar as actividades das distintas asociacións de mulleres fomentando a coordinación e cooperación entre elas; establecer relacións con outros grupos, institucións e asociacións de análoga natureza e outros ámbitos administrativos; e impulsar todo tipo de actividades e programas que favorecen a plena igualdade entre mulleres e homes.