Mos crea un Plan Municipal de Parques a acometer durante o presente ano

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Diversos espazos en varias parroquias verán mellorada e ampliada a súa oferta de instalacións de lecer ao aire libre

O concelleiro de Parques e Xardíns mosense, Cándido Pérez, anunciou hoxe que o Concello de Mos levará a cabo dentro deste ano 2018 un Plan de Parques mediante o que se crearán e mellorarán varias zonas de lecer no municipio. A administración local investirá algo máis de 71.000 euros en diveros espazos das parroquias de Pereiras, Mos, Tameiga e Dornelas.

Este Plan Municipal de Parques contempla a instalación de elementos de xogos, elementos biosaludables, tirolina e pista multixogo en varias zonas do Concello de Mos.

A tirolina que se instalará será de madeira e cunhas dimensións aproximadas de 28,24 metros de lonxitude e 4,70 metros de ancho ocupando unha superficie de 133 metros cadrados. A tirolina é un xogo para nenos maiores de 6 anos.

A pista multixogos ofrecerá nun único espazo múltiples posibilidades para a práctica do deporte ao aire libre, como tenis, baloncesto, fútbol sala, etc…ou simplemente deixar que funcione a imaxinación, idear novos xogos ou recuperar os que tradicionalmente practican os nenos e nenas. Tratarase dunha instalación totalmente accesible e sen limitacións, que contará cunhas dimensións aproximadas de 20 por 10 metros.

Estará dotada de céspede artificial e equipamento deportivo (canastas, porterías e rede de tenis) entre o que se atopará unha porta de accesibilidade, porterías brasileñas, canastas de baloncesto con taboleiro tipo americano e con aros e redes antivandálicas, rede de portería antivandálica e rede de tenis.

Ademais este Plan contempla a mellora e instalación de parques infantís e biosaudables.

O Concello de Mos continúa, con esta iniciativa, a desenvolver os programas comprometidos en base a esta que foi no seu día denominada como ‘a lexislatura das persoas’. Neste senso o ‘Mos das persoas’ vólcase en coidar e mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas con plans coma este, orientados a optimizar e ampliar os espazos comúns e áreas de esparcemento.