Mos dá a benvida de volta á casa á súa alpinista Verónica Romero

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade


– Romero ven de culminar a terceira expedición do proxecto ‘Compromiso por la tierra. 1.500 kilómetros sobre el hielo’
– Trátase dun proxecto de longo percorrido e é un obxectivo co que coidar o medio natural

Nin os osos, nin os lobos, nin as enormes distancias a percorrer arrastrando un peso que case duplicaba ó seu propio foron, segundo relataba esta mañá no Concello de Mos Verónica Romero, o máis duro da expedición xunto a Chus Lago e Rocío García polo Lago Baikal. O peor foron as baixas temperaturas que chegaron a alcanzar os 40 graos baixo cero e que lle provocaron principios de conxelación nun dedo e facían que enseres e material rompesen.
A pesar de todo Romero non perdeu nin perde o sorriso e describe emocionada a expedición dicindo que “era como camiñar polo ceo”. Esta mosense todoterreo que chegou fai poucos días de percorrer 700 quilómetros polo xeo non perde o tempo descansando. Xa está a compaxinar o seu traballo como florista no Porriño, ao tempo que traballa co seu equipo no documental do proxecto ‘Compromiso con la tierra’, e prepara unha actividade para alumnado de Primaria nos centros educativos que estean interesados e que está previsto que imparta nos colexios de Mos. Ademais a incombustible Verónica Romero acudía hoxe á recepción que se lle organizou dende o Concello de Mos, recén chegada de pasar a fin de semana en Benasque, na provincia de Huesca, onde deu unha conferencia sobre a experiencia vivida.
A todos estes proxectos súmanselle novos retos deportivos que esta alpinista mosense xa ten en mente.
Na recepción municipal coa que o seu Concello a homenaxeou esta mañá estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde mosense, Alberto Méndez, o concelleiro de Deportes, Baldomero Lorenzo, e os tamén edís Óscar Soto e Luis Alonso.
A rexedora local trasladoulle a Romero “a admiración que espertas en todos nós, o moito que te respectamos pola túa fortaleza e polos logros acadados”. Arévalo destacou “o esforzo sobrehumano realizado e a capacidade de superación en condicións extremas, polo que Verónica Romero é un exemplo e un orgullo para todo o pobo de Mos”.
Verónica Romero chegou a Mos o pasado 1 de marzo tras culminar a terceira etapa do desafío ‘Mil quinientos kilómetros sobre el hielo’ que, xunto con Chus Lago (líder e xefa da expedición) e a granadina Rocío García, emprendeu en 2016 baixo o título de ‘Compromiso por la Tierra’. Tras medirse cos Lagos de Laponia e o Cap de Barnes, a mosense realizou esta última hazaña de percorrer 700 quilómetros polo Lago Baikal facendo 25 quilómetros diarios durante 60 días.
Esta ruta de 700 quilómetros non foi realizada nunca antes por ningunha expedición feminina española.
Con todo o material audiovisual que recopilaron durante todo o proxecto están a elaborar un documental de concienciación sobre o cambio climático e a igualdade entre homes e mulleres.
Romero nunca antes se adicara á montaña, a súa disciplina era o atletismo e fai uns anos Chus Lago propúxolle participar nun proxecto polar formado só por mulleres.
Aquel proxecto comezou en febreiro de 2016 cunha primeira expedición aos lagos xeados de Laponia en Finlandia e deu paso á segunda expedición polo casquete polar de Barnes, tras a que chegou esta última polo Lago Baikal.
Estes tres desafíos formaron parte do proxecto ‘Mil quinientos kilómetros sobre el hielo’ que inclúe a primeira expedición a Laponia, a do casquete polar de Barnes en Canadá e a terceira, que foi a de máis envergadura, de 700 quilómetros polo Lago Baikal. Este proxecto ten dous obxectivos fundamentais que son alertar sobre o cambio climático e a súa repercusión no medio ambiente e concienciar sobre o deporte feminino e a igualdade na práctica deportiva.