Mos da conta dos pregos para a nova concesión da xestión do Punto Limpo

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

DSC_0247webO documento aprobarase próximamente en Xunta de Goberno Local

 

A concelleira de Medio Ambiente mosense, Julia Loureiro, informou hoxe de que esta mañá deuse conta ós membros da Corporación Municipal ó completo dos pregos para a contratación da xestión do Punto Limpo, que se aprobarán próximamente en Xunta de Goberno Local.

 

Ata o de agora este servizo de xestión do Punto Limpo de Mos, sito no PEMOS-Veigadaña, préstao a empresa Coregal en convenio con Aceesca Emprego (Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor). Na nova concesión por dous anos, a empresa adxudicataria terá tamén como condición manter dito convenio con Aceesca, polo cal o traballador encargado da atención ao público e da recepción do material deberá ser un membro de Aceesca Emprego, que estará contratado durante os dous anos de duración da concesión do servizo.

 

Outra das condicións para a concesionaria do servizo será a organización de actividades de educación ambiental dirixidas tanto a escolares do municipio como á poboación en xeral.

 

Durante o novo período de concesión o Punto Limpo continuará a manter os mesmos horarios e servizos, sendo o horario de apertura os martes e xoves de 10.00 horas a 14.00 horas e de 16.30 horas a 20.30 horas, e os sábados pola mañá de 10.00 horas a 14.00 horas.

 

Ó longo de ditas franxas horarias, nas instalacións do Punto Limpo no polígono da Veigadaña recepciónanse todo tipo de residuos entre os que se contemplan os perigosos e os non perigosos.

 

Entre os non perigosos atópanse entullos de obras menores, voluminosos (colchóns, sofás, mobles, etc.), restos metálicos, restos de poda, madeira, electrodomésticos, equipos informáticos, televisores, fluorescentes, xoguetes eléctricos e ferramentas. Entre os residuos perigosos estarían os aceites doméstico, vexetal e mineral (de motores), baterías, radiografías, filtros de aceite, disolventes, pinturas, bernices, etc.

 

A edil Julia Loureiro concluiu declarando que “o número de usuarios do Punto Limpo de Mos é elevado e satisfactorio aínda que, lamentablemente, continúa habendo persoas que depositan desperdicios inapropiados en contedores non habilitados para tal fin; polo que continuaremos a promover políticas de concienciación medioambiental para tratar de ir cambiando progresivamente esta realidade”.