Mos dá conta en Pleno da inclusión de dúas novas obras no Plan Concellos 2019

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Trátase da mellora da seguridade viaria na Estrada Alto de Barreiro-Santiaguiño e dun ximnasio no Campo de Fútbol de Cototorrón, que serán contratadas próximamente

No pasado Pleno Ordinario do mes de abril do Concello de Mos, celebrado o pasado luns, deuse conta de dúas novas obras incluídas no Plan Concellos 2019 e cuxa contratación iniciarase próximamente.
Trátase da mellora da seguridade viaria na Estrada Alto de Barreiro-Santiaguiño e da construción dun ximnasio no Campo de Fútbol de Cototorrón. Ambas obras suman un orzamento de 148.448,06 euros.
A actuación de mellora da seguridade viara na Estrada Alto de Barreiros-Santiaguiño dende a capela do Santiaguiño ata o camiño de Eira Grande é necesaria debido ao deteriorado estado dos pavimentos, ocasionado pola acometida da rede municipal de saneamento e as roturas das canalizacións das traídas veciñais de auga que contan con máis de 20 anos de antigüidade e ocasionan a realización de reparacións e reposicións de asfalto puntuais.
A lonxitude do tramo a optimizar ascende a 940 metros e as obras a realizar, serán: regularización da capa de rodadura coa aplicación de 1 cm de asfalto que regularice as zonas que presentan unha maior fisuración; recrecido, que consistirá na extensión dunha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente, tipo formigón bituminoso de 5 cm de espesor, con áridos de desgaste estendida e compactada; e previa a extensión de dita capa, realizarase unha limpeza e barrido da superficie, para a posterior aplicación do rego de adherencia con emulsión asfáltica. Asemade, será necesario o recrecido das tapas das arquetas e dos pozos. Tamén será preciso pintar un paso de cebra existente.
O orzamento de Execución por contrata, incluído o IVE, ascende a cantidade de 100.114,61 euros.
Por outra banda o edificio que se proxecta no Campo de Fútbol de Cototorrón, pasará a formar parte do complexo deportivo de San Eleuterio, formado por un campo de fútbol de herba artificial, bancadas para espectadores, vestiarios, bar-cantina, etc. Con esta intervención, preténdese seguir completando o programa deportivo, dotando ao conxunto dunha pequena edificación destinada a ximnasio. Proponse tamén a construción dunha marquesiña que cubra e protexa o espazo exterior dedicado a eventos, que funciona ao mesmo tempo como recibidor-distribuidor do conxunto de pequenas edificacións que alí se emprazan.
As obras levaranse a cabo no extremo norte do conxunto deportivo de Cototorrón, sumándose ao grupo de edificacións máis recentes alí executadas.
A edificación proxectada componse dun único volume e tipoloxía illada con forma
prismática e de planta baixa. A superficie útil do ximnasio será de 79,35 m² e a superficie construida de 91,38 m².
O orzamento ascende a 48.333,45 euros.