Mos dá o pistoletazo de saída ó seu novembro micolóxico

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Onte presentáronse, cunha degustación no restaurante Esteban, as IX Xornadas Micolóxicas do Concello de Mos

A presente edición das Xornadas Micolóxicas, organizada conxuntamente entre a concellería de Medio Ambiente do Concello de Mos e a Comunidade de Montes da parroquia de Mos, e coa colaboración de Puri Lorenzo do Departamento de Micoloxía da Universidade de Vigo, deu onte o seu pistoletazo de saída coa xa tradicional cea-presentación para xornalistas, que este ano se celebrou no restaurante Esteban.

Durante a degustación servíronse un total de 9 pratos, entre eles dous postres, elaborados polos catro restaurantes participantes nas Xornadas: Esteban, Tapra, A Adega da Tía Carmen e O Cabaliño. Os pratos principais que se serviron foron un trío de carpaccios de Fistulina Hepática, Boletus Edulis-Pinicolas e Amanita Cesarea; cogomelos ó vinagre, ensalada de Níscalos escabechados, crepe de Boletus con paté de coello salvaxe e Níscalos, empanada de pan de millo con setas, croquetas de Boletus e galo de Mos con setas. A continuación servíronse os dous postres, un deles consistente nunha mousse de chocolate branco ós froitos vermellos con Trompetas caramelizadas ó Vermouth.

Durante a súa intervención a concelleira responsable desta iniciativa, Julia Loureiro, quixo agradecerlles ós restaurantes participantes na mesma a súa colaboración, así coma a tódolos comensais “que tanto nas anteriores edicións, como na presente, acudiron e acudirán a estes establecementos para disfrutar da mellor cociña micolóxica”. Loureiro quixo animar a tódolos mosenses e veciños doutras localidades a participar destas Xornadas, esperando que nesta edición “sexan, se cabe, aínda máis concorridas que as anteriores”, declarou a edil. Ademais da concelleira delegada de Medio Ambiente, tamén acudiron ó acto de presentación de onte a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e as edís de Cultura e Participación Cidadá, Sara Cebreiro e Kely Monzón, respectivamente.

Tras a presentación de onte, a seguinte actividade a realizar farase os días 3 e 4 de novembro no Pazo de Mos e consistirá nunha exposición de exemplares de cogomelos. Dita mostra poderá visitarse o sábado día 3 pola tarde e o domingo 4 durante todo o día.

Ademais, tamén o sábado 3 de novembro, ás 20.00 horas, celebrarase no Pazo dos Marqueses de Mos un serán con degustación de cogomelos.

A continuación, dende os días 5 ó 9 de de novembro realizaranse charlas de temática forestal e micolóxica. Os días 5 e 6 serán charlas forestais e os días 7, 8 e 9 serán charlas micolóxicas. Todas terán lugar no mesmo lugar, o Pazo de Mos, e á mesma hora, as 20.30.

O título da charla do día 5 é “Plan técnico de xestión do monte de Mos”, do día 6 “Recurso cinexético do monte de Mos”, do día 7 “Iniciación a Micoloxía”, do día 8 “Cultivo de cogomelos familiar e a pequena escala” e do día 9 “Cociñando cogomelos”.

O sábado 10 de novembro e o domingo 11, realizaranse as saídas ó campo para a recollida e identificación de cogomelos; ambos días o horario será de 10.30 horas a 13.00 horas. O día 10 a saída realizarase polas Pedriñas, parroquia de Tameiga, e o día 11 polo monte comunal do Salgueirón, na parroquia de Mos. Os interesados en participar nestas saídas deberán inscribirse previamente chamando ó teléfono da concellería de Medio Ambiente, 986 33 14 02.

 Degustacións nos restaurantes de Mos

 As degustacións micolóxicas que edición tras edición destas xornadas ofrecen distintos restaurantes do municipio mosense realizaranse xa dende hoxe, e este ano os amantes da cociña micolóxica poderán visitar os seguintes locais de restauración: Esteban, Tapra, O Cabaliño, e a Adega da Tía Carmen.