Mos dalle continuidade á tradición dos callos na comarca da Louriña

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A Unión Deportiva Mos celebrará a III Festa dos Callos en Sanguiñeda o vindeiro domingo 1 de decembro

 

A terceira Festa dos Callos de Mos, organizada pola Unión Deportiva Mos, presentouse esta mañá no Concello, coa asistencia de Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, demais membros da Corporación Municipal e representantes da Deputación de Pontevedra, Pablo Alonso Serodio, presidente da Unión Deportiva Mos e responsable de operacións da Festa dos Callos, outros representantes da directiva da U.D. Mos, e representantes de Coren (entre os que se atopaba Alejandro Alonso, mestre chef – Grupo Coren).

A festa celebrarase o vindeiro domingo 1 de decembro. Alejandro Alonso de Coren será o mestre chef.

A fábrica do Grupo Coren atópase na veciña localidade do Porriño e un importante número de traballadores/as da mesma son mosenses, por iso dende a Unión Deportiva Mos decidiuse implantar esta celebración gastronómica neste municipio.

Esta homenaxe culinaria a un prato moi invernal e tradicional da cultura galega en xeral e da comarca da Louriña en particular celebrarase, como xa se dixo, o domingo 1 de decembro na Avenida de Sanguiñeda, nas inmediacións da Discoteca Queen, onde haberá instalada unha gran carpa. Tamén se ofrecerá carne ó caldeiro para as persoas que queiran quedar a xantar.

Dende a organización da festa esperan que, tras este tereciro ano de celebración, perdure moitas máis edicións para o que tentarán seguir mellorando ano tras ano.

Nesta ocasión cociñaranse 3.500 racións, e estarán preparados para aumentar este número se fixese falta. O prezo da ración para levar para a casa será de 5 euros e para tomar in situ 7 euros, incluíndo pan, viño tinto ou branco e cunca e prato de agasallo.

A celebración contará con animación musical o 1 de decembro ao longo de todo o día, a cargo de Single Radio.