Mos dalle o visto bo ó proxecto de rehabilitación do paseo do Louro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa revisou hoxe o documento, comprobando que se atopaban incluídas as suxerencias da administración local, entre elas a recuperación dunha ponte, a creación dunha pasarela e o traslado do parque da Pateira

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta mañá no Concello co equipo técnico redactor do proxecto de rehabilitación do Sendeiro Ecolóxico do Río Louro e cos técnicos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil responsables do mesmo.

O motivo deste encontro foi o contraste por parte da administración local do documento, previo ó remate da redacción do proxecto final, e a revisión dalgún terreo que os particulares puxeran xa a disposición do Concello para efectuar esta obra e que aínda quedaba pendente de recepcionar. Asimesmo os técnicos proporcionáronlle á alcaldesa un listado de cesións de terreos pendentes por parte de veciños, a maiores dos xa cedidos na primeira obra acometida, labor co que Arévalo se comprometeu a que dende o Concello se teña finalizado nun prazo non superior a 15 días.

Tras revisar o documento facilitado polos técnicos asistentes á reunión, a rexedora local deulle o visto bo ó mesmo, xa prácticamente finalizado, tras comprobar que xa foran recollidas e incluídas todas as suxerencias aportadas dende o Concello, algunhas delas froito das demandas dos propios veciños da zona.

Entre ditas suxerencias atópanse a recuperación dunha antiga ponte, a creación dunha pasarela na parte final do paseo, preto da estrada Nacional 550; e o traslado do parque biosaudable da Pateira a unha zona menos inundable.

Dado que a redacción do proxecto atópase xa en fase de finalización, calcúlase que estará rematado de cara ó vindeiro mes de marzo, para a continuación iniciar o proceso de licitación das obras e contratación; polo que se prevé que os traballos dean comenzo no mes de setembro deste ano.

Esta reparación do paseo do Louro farase realidade gracias a un convenio entre Concello, Deputación e Confederación Hidrográfica. Na obra, que non terá custe económico para Mos, investirase preto dun millón de euros.

O convenio para a mellora da marxe do Louro, destinado ó mantemento e conservación da mesma, financiará as obras de acondicionamento cunha cantidade exacta de 950.000 euros. Ditas obras, segundo informou hoxe a rexedora local, consistirán na acometida das proteccións necesarias do cauce para evitar a erosión ocasionada polas crecidas e na reparación total da senda fluvial.

E é que as deficiencias existentes nas primeira e segunda fases do sendeiro producidas polas crecidas do cauce do río e polas inclemencias meteorolóxicas, eran notables, polo que a Confederación Hidrográfica comprometeuse no seu día co Concello de Mos a redactar o proxecto dos traballos necesarios para a reparación do paseo, e agora, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, farase cargo da acometida de dita obra que contemplará tamén a realización dunha limpeza do cauce do río e da maleza ó longo de todo o paseo.

O proxecto de recuperación será financiado nun 80% pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil a través dos Fondos Europeos Feder, e no 20% restante pola Deputación de Pontevedra; supoñendo esta obra un custe cero para o Concello de Mos. A inversión total será, como xa se dixo, de 950.000 euros:760.000 aaportar pola Confederación Hidrográfica do Miño e 190.000 euros pola Deputación. Ademais a Deputación aportará 57.000 euros de gastos financieros, o que fai unha aportación total da administración provincial de 247.000 euros.

Deterioro do paseo do Louro

As crecidas do río arrastraron a pavimentación e deixaron impracticable o paseo fluvial, e provocaron o derrumbe e socavación das orillas en diversos tramos do río. Neste sentido o obxectivo que se persegue con esta obra no Sendeiro do Río Louro, segundo declaraba esta mañá Nidia Arévalo, é “unha solución definitiva para este paseo, que o manteña en bo estado a longo prazo e non requira de reparacións constantes por mor dos desperfectos ocasionados cada vez que se producen condicións meteorolóxicas adversas”, dixo a alcaldesa.

 

Para elo o proxecto de recuperación contempla a instalación dunha superficie sólida no firme do sendeiro que sexa resistente ante as posibles crecidas do río e as inclemencias do tempo, así como a mellora de tódolos parques existentes ó longo do paseo, e a reposición dos valados actuais por uns novos. Tamén cómpre a reposición do mobiliario como por exemplo bancos, onde fagan falta; e tamén habería que reconstruír varios muros.

 

Dende a Confederación Hidrográfica, propúxose como posible solución ó problema dos desbordamentos durante as crecidas de caudal a posiblidade de ensanchamento e ampliación da ponte que se atopa no punto de confluencia entre a primeira fase e a segunda fase do sendeiro. No caso dos muros privados de contención caídos, a Confederación recomenda a posibilidade de tamizalos para evitar que os propietarios das fincas anexas ó río continúen a perder o terreo que vai sendo invadido polo cauce.

 

E no caso do firme do sendeiro, dende o Concello considérase que o material necesario para a súa óptima conservación no tempo podería ser un árido estabilizado, similar ó formigón, que aguantaría en bo estado a longo prazo e se evitarían con el futuras reparacións constantes.

 

O Sendeiro Ecolóxico do Río Louro ten unha lonxitude total, entre a primeira e a segunda fases acometidas,2 kilómetros700 metros, con anchuras ó longo de todo o paseo que oscilan entre os 2,30 e os2,50 metros.