Mos decide na primeira Xunta de Goberno tras o estado de alarma contratar a 19 traballadores

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Para elo a administración local realiza unha reestructuración do Plan Concellos, pospoñendo unha obra prevista para dar prioridade ao emprego

 

A primeira Xunta de Goberno Local tras a declaración do estado de alarma pola crise do COVID-19 celebrouse esta mañá por videoconferencia tomando un acordo de gran importancia dados os momentos actuais. Aprobouse a reestructuración da Liña 3 do Plan Concellos, pasando a destinar o importe íntegro concedido, á contratación de 19 persoas.

En principio estaba previsto destinar esta Liña 3 á contratación de 7 persoas e a realización dunha obra, sen embargo, e ante a incertidume económica, social e laboral que está a vivir o país en xeral e o municipio en particular, e que conta tamén cun pronóstico de futuro incerto neste senso, desde o Concello de Mos decidiuse centrar o Plan Concellos na contratación de persoal.

Polo tanto, desde o Concello de Mos determinouse desestimar a obra prevista pospoñéndoa, para aprobar a contratación de 12 persoas a maiores, sumando un total de 19. Deste xeito, a administración local mosense investirá un total de 221.042,70 euros  en contratar a 19 peóns e operarios para postos de diferentes tipos, durante un período de 6 meses e a xornada completa.

Neste senso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declaraba que “debido á situación que nestes intres estamos vivindo, desde o Concello dámoslle prioridade ao emprego e as obras poderán esperar. Creo que o pensar e o sentir dos mosenses coincidirá con este razoamento, e por iso, como alcaldesa póñome na súa pel e como equipo de goberno local poñémonos na súa pel, véxome e vémonos na obriga de actuar como a veciñanza mosense o faría“.

A contratación destes 19 traballadores/as suporá unha vía económica e laboral para 19 familias que poidan estar sufrindo unha dura situación, incluso de necesidade, por mor desta actual crise do COVID-19.