Mos doa 5.000 kilos de alimento para as súas familias máis desfavorecidas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A campaña Nadal Solidario permitirá que 500 mosenses con escasos recursos teñan cubertas as súas necesidades básicas durante estas festas

 

As concellerías de Participación Cidadá e Benestar Social do Concello de Mos, que dirixen as edís Kely Monzón e Sara Cebreiro respectivamente, en colaboración co Club de Leones de Mos, tras o éxito obtido o ano pasado con esta campaña, organizaron novamente a iniciativa de recollida de alimentos para as familias máis desfavorecidas do municipio, Nadal Solidario. Esta mañá a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, xunto coas concelleiras Monzón e Cebreiro, recibía na sede do Club de Leones parte das 5 toneladas de alimentos de mans de catro dos empresarios colaboradores con esta campaña, Indalecio Cuevas da empresa Darlim, Andrés Valiñas de Afamsa, Salvador González de Panelfa, Rafael Aguilar de Noribérica e Kely Domínguez, encargada do Eroski de Mos.

 

Pero non foron as únicas empresas colaboradoras, tamén se sumou a esta campaña solidaria Conjelados Pereira. A empresa Darlim aportou a esta iniciativa 1.000 kilos de alimentos, Afamsa, de xeito simbólico ó ser 30 traballadores na empresa, doou 30 kilos ou unidades de diversos productos tales coma tetillas, pasta, arroz, fariña, lentellas, azucre, entre outros; pola súa banda Panelfa aportou 50 cestas con doces navideños e alimentos de todo tipo, Noribérica entregou 150 paquetes de productos conxelados, Eroski tamén gran cantidade de lotes dos seus supermercados e, por último, Conjelados Pereira doou peixe conxelado para as 170 familias mosenses beneficiarias desta iniciativa.

 

Precisamente onte pola tarde procedeuse á clasificación da maior parte dos alimentos na sede do Club de Leones e ó empaquetado dos mesmos, nos que participaron concelleiros mosenses do equipo de goberno local e do grupo municipal do PSOE mosense, ademais de 5 voluntarias do Club de Leones de Mos.

 

En canto ós centros educativos mosenses e agrupacións veciñais que este ano colaboraron co Nadal Solidario, entre os colexios atópanse o CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, o CEIP de Atín-Cela, o de Petelos, o Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda e O Castro International School; e entre as Asociacións de Veciños participantes atópanse a de Herville-Cela, San Rafael de Pereiras, Chan do Bosque de Amieirolongo-Sanguiñeda e As Pedriñas de Tameiga.

 

En total conseguíronse recolectar cinco toneladas (5.000 Kg) de alimentos que permitiron preparar paquetes para 500 beneficiarios repartidos en 170 familias do Concello de Mos. Ante tan bos resultados, que superaron incluso os da pasada edición desta campaña solidaria (o ano pasado máis de 2.500 Kg para 450 persoas de 132 familias), as representantes municipais quixeron agradecer o esforzo realizado tanto ás asociacións, coma ós alumnos, pais de alumnos, profesorado e dirección dos centros educativos colaboradores, así coma ás empresas que tamén realizaron importantes doazóns.

 

Hoxe ás 18.00 horas procederase á “Entrega Solidaria” dos alimentos ás familias necesitadas de Mos, supervisado o listado polo departamento de Benestar Social do Concello, na sede da asociación Club de Leones. Tamén se lles entregará ás familias que, aínda que non reciban atención do departamento de Benestar Social, se atopen nunha situación económica crítica.

 

As edís responsables da campaña Nadal Solidario declararon a este respecto que con este programa “trátase de garantir as necesidades básicas, en materia de alimentación, (ao longo destas festas), de todas aquelas familias veciñas de Mos con escasos ingresos económicos, unha cifra que lamentablemente, coa situación de crise que vivimos, é cada vez maior”.

 

As representantes municipais explicaron tamén que “o obxectivo deste programa é conseguir a sensibilización de toda a comunidade, ante a difícil situación económica pola que están atravesando moitas familias do municipio mosense, aportando o noso grao de area nestas datas tan sinaladas, repartindo alimentos típicos destas festas”. “A situación este ano agravouse, e temos máis familias ás que lles costa chegar a fin de mes, por eso quixemos novamente poñer en marcha este acto de solidaridade e necesidade, coa recollida de alimentos con motivo do Nadal en colaboración coa asociación Club de Leones”, declararon. Asimesmo rogaron que a dirección de calquera asociación ou centro educativo, que coñeza a algunha familia do contorno que precise desta axuda, poderá poñelo en coñecemento das concellerías organizadoras para que a asociación Club de Leones estableza contacto con eles e valore a situación. Recordaron, ademais, que as familias necesitadas poden dirixirse ao departamento de Benestar Social para solicitar a Axuda por Emerxencia Social.