Mos doa máis de 2.500 kilos de alimento para as súas familias máis desfavorecidas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A campaña Nadal Solidario permitirá que 450 mosenses con escasos recursos teñan cubertas as súas necesidades básicas durante estas festas

 

As concellerías de Participación Cidadá e Benestar Social do Concello de Mos, que dirixen as edís Kely Monzón e Sara Cebreiro respectivamente, en colaboración co Club de Leones de Mos, tras o éxito obtido o ano pasado con esta campaña, organizaron novamente a iniciativa de recollida de alimentos para as familias máis desfavorecidas do municipio, Nadal Solidario.

 

Precisamente onte pola tarde procedeuse á clasificación dos alimentos na sede do Club de Leones e ó empaquetado dos mesmos, nos que participaron concelleiras mosenses, a directiva do Club de Leones de Mos, e cinco voluntarios.

 

O luns, día 17 de decembro, fíxose a recollida de alimentos nos centros educativos e nas asociacións colaboradoras, para logo levalos á sede da Asociación Club de Leones onde onte se procedeu ao seu clasificado e a elaboración dos paquetes. Os centros educativos que participaron nesta campaña foron os colexios de Atín, Petelos, Castro-Mos e Sanguiñeda, así coma as dúas Escolas Infantís mosenses, a de Cototorrón e a da Porteliña, o IES de Mos e o Colexio O Castro International School, que ademais de alimentos aportou tamén xoguetes.

 

En total conseguíronse recolectar máis de dúas toneladas e media (2.500 Kg) de alimentos que permitiron preparar paquetes para 450 beneficiarios repartidos en 132 familias do Concello de Mos. Ante tan bos resultados, que superaron incluso os da pasada edición desta campaña solidaria, a edil Kely Monzón quixo agradecer o esforzo realizado tanto ás asociacións, coma ós alumnos, pais de alumnos, profesorado e dirección dos centros educativos colaboradores, así coma ás empresas que tamén realizaron importantes doazóns. Entre elas Monzón nomeou á armadora Pereira, que aportou a esta campaña un total de 130 kilos de merluza, Congelados Noribérica que doou 132 paquetes de productos conxelados, Darlim que fixo entrega dun palé de 800 kilos dos seus productos, o supermercado Eroski que entregou 10 lotes de alimento, a empresa Uniprosa, que doou varios lotes de café e turrón; e o avogado Carlos Fontán que doou un arcón conxelador.

 

Ademais a concelleira destacou a aportación dun particular anónimo que entregou máis de 6 bolsas de alimentos.

 

Tras a recollida e o empaquetado, mañán ás 18.00 horas procederase á “Entrega Solidaria” dos alimentos ás familias  necesitadas de Mos, supervisado o listado polo departamento de Benestar Social do Concello, na sede da asociación  Club de Leones. Tamén se lles entregará ás familias que, aínda que non reciban atención do departamento de Benestar Social, se atopen nunha situación económica crítica.

 

As edís responsables da campaña Nadal Solidario declararon a este respecto que con este programa “trátase de garantir as necesidades básicas, en materia de alimentación, (ao longo destas festas), de todas aquelas familias veciñas de Mos con escasos ingresos económicos, unha cifra que lamentablemente, coa situación de crise que vivimos, é cada vez maior”.

 

As representantes municipais explicaron tamén que “o obxectivo deste programa é conseguir a sensibilización de toda a comunidade, ante a difícil situación económica pola que están atravesando moitas familias do municipio mosense, aportando o noso grao de area nestas datas tan sinaladas, repartindo alimentos típicos destas festas”. “A situación este ano agravouse, e temos máis familias ás que lles costa chegar a fin de mes, por eso quixemos novamente poñer en marcha este acto de solidaridade e necesidade,  coa recollida de alimentos con motivo do Nadal en colaboración coa asociación Club de Leones”, declararon. Asimesmo rogaron que a dirección de calquera asociación ou centro educativo, que coñeza a algunha familia do contorno que precise desta axuda, poderá poñelo en coñecemento das concellerías organizadoras para que a asociación Club de Leones estableza contacto con eles e valore a situación. Recordaron, ademais, que as familias necesitadas poden dirixirse ao departamento de Benestar Social para solicitar a Axuda por Emerxencia Social.