Mos e empresarios da provincia reclaman a gratuidade da peaxe da AP-9 en Porriño como alternativa á A-55

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, estivo respaldada esta mañá en rolda de prensa polo presidente da CEP, Jorge Cebreiros

Esta mañá celebrouse no Concello de Mos unha rolda de prensa sobre a necesidade de liberar da peaxe de Porriño o tramo da Autopista do Atlántico AP-9 entre Vigo e Tui (que está infrautilizado), como alternativa á Autovía A-55. Na mesma estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Alberto Méndez, o concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, a concelleira de Mobilidade, Julia Loureiro, e demais membros do equipo de goberno local respaldados polo presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros Arce, o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso Gestoso, o presidente de Asetranspo, Ramón Alonso, o presidente de Aemos, Manuel Castro, e o presidente do Polígono A -Granxa, Indalecio Cuevas; entre outros empresarios.

A rexedora local mosense agradeceu “á Confederación de Emprersarios e a todas as asociacións presentes que se sumaran a esta demanda histórica do Concello de Mos co obxectivo de dar unha solución definitiva a este problema”.

Arévalo destacou que “dende o ano 2003, ata en 8 ocasións o Concello de Mos leva tomado acordos plenarios pedindo a eliminación da peaxe da AP-9 en Porriño, polo que esta é unha reivindicación constante e histórica mosense”.

“E na actualidade o goberno de Pedro Sánchez non só non fixo nada, senón que paralizou os pasos dados polo anterior goberno; como ven ocorrendo cada vez que en España hai un goberno socialista”, lamenta a alcaldesa, Nidia Arévalo.

En 2017 o Goberno do Estado incluía no seu Plan Especial de Infraestruturas e Transporte un proxecto de construción dun túnel alternativo baixo o alto de Puxeiros. En marzo de 2018, o executivo reiteraba o seu compromiso, cun proxecto en redacción, de construír ese túnel alternativo de 10 km de lonxitude que conectaría esta autovía directamente coa A52 e un investimento de 337 millóns xa previstos nun plan extraordinario de investimentos en estradas que garantía a súa licitación antes do 2021.

En xaneiro de 2019 paralízase e todo volve ao momento de partida inicial. O Goberno central non incluíu o proxecto nos Orzamentos Xerais do Estado do goberno de España, presentado hai unhas semanas; o Ministerio de Fomento recoñece que non hai unha folla de ruta con prazos para resolver este tema.

Polo tanto Mos decide movilizarse esixindo se respecten os trámites xa realizados para non atrasar a execución da alternativa á A-55, tendo en conta que xa o proxecto incluíuse na vía extraordinaria do Plan Especial de Infraestruturas co fin de axilizar a súa realización e continúese co documento técnico xa redactado, o cal ademais xa se acordou con todas as partes afectadas. Que se comprometan os créditos precisos para dar continuidade ao proxecto existente, mellorando a seguridade viaria na zona, rebaixando a alta sinistralidade e sen entorpecer o desenvolvemento urbano e mellorando a calidade de vida dos veciños do municipio de Mos, eliminando o forte impacto que sofre Mos respecto desta infraestrutura de alta capacidade que non cumpre coas condicións máis adecuadas de seguridade. E que de forma simultánea á execución destas obras, se libere de peaxes o tramo da Autoestrada do Atlántico AP-9 entre Vigo e Tui, ofrecendo aos condutores unha conexión alternativa, e con mellores condicións de seguridade.

O seguinte paso, segundo informou a alcaldesa de Mos, será pedir reunións xa coa presidenta do Consello Económico e Social, co presidente do Parlamento, e co presidente da la Xunta de Galicia para solicitar apoio.

“Non cejaremos na nosa demanda. Iremos onde faga falta. Conscientes de que esta vía de dobre calzada de acceso e saída de Vigo é vital para o desenvolvemento empresarial e industrial tanto de Mos (cunha industria de gran importancia) como de toda a área metropolitana de Vigo, os empresarios de todos os ámbitos e principalmente os transportistas levan anos facéndose eco desta situación. Por iso están hoxe aquí comigo, ao meu lado. Urxe unha solución porque a actual conexión Vigo- Porriño- Vigo, coas limitacións de velocidade existentes e o tráfico tan denso provoca grandes perdas económicas”, concluiu a rexedora local.

Pola súa banda o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, declarou que “non podemos estar nun novo século coas infraestruturas do século XIX que temos na A-55. A hoxe iniciada é unha aposta estratéxica por Mos xa que a A-55 é unha infraestrutura que non é competitiva nin cubre as necesidades de empresarios nin cidadáns, situación que empeora progresivamente”.

“Máis aló de cores políticas, a CEP e demais agrupacións empresariais que hoxe nos acompañan, decidimos poñernos detrás desta pancarta por Mos e por esta autovía xa en abril do ano pasado para esixir a reanudación das obras da A-55”, lembrou Cebreiros.

Insistiu en que “non podemos consentir ter un tramo de autovía vertebrador da área metropolitana co maior número de accidentes de España, co maior número de puntos negros por Km de España e limitado a 60 Km/h, que é calificado como o de maior perigosidade do territorio nacional”.

“Máis aló das cores políticas os empresarios vimos reivindicando que esta autovía é un sinsentido e que existen solucións que non se puxeron en marcha. A AP-9 é unha vía axil e segura e a liberalización da peaxe unha alternativa válida á A-55”, explicou Jorge Cebreiros.

O presidente da CEP concluiu dicindo que “cremos que a unidade entre as administracións públicas e a iniciativa privada liderada polos empresarios é a única forma que temos de conseguir este obxectivo e sumarémonos a tódalas administracións que loiten por unhas infraestruturas áxiles, competitivas, seguras e do século XXI”.

O Km 12 da A-55, situado en Mos, é o que maior sinistralidade concentra de España. Prodúcense unha media de 250 accidentes con vítimas ao ano. En canto ao número de vehículos que circulan por esta vía de dobre sentido diariamente, calcúlase que rolda os 60.000 ao día.