Mos emprende un curso de xestión de emprego

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Pertence ó programa AFD cofinanciado pola Xunta e o Fondo Social Europeo, e benefícianse del 15 desempregados con estudios universitarios

 

O Concello de Mos presentou esta mañá o novo curso AFD –Accións Formativas Dirixidas Prioritariamente a Desempregados- cofinanciado pola consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo da Unión Europea que, baixo o título de ‘Xestión de Emprego’, se imparte dende hoxe nas instalacións do CDL (Centro de Desenvolvemento Local) mosense.

 

No acto de presentación estivo presente o concelleiro de Formación e Emprego e tenente alcalde de Mos, Óscar Soto, acompañado polo xerente da Asociación de Empresarios de Mos –AEMOS-, Francisco Domínguez, xa que é esta agrupación empresarial a encargada de impartir o curso de ‘Xestión de Emprego’. O número de participantes nesta acción formativa é de 15 demandantes de emprego que buscan unha saída á súa situación de desemprego e a súa plena inserción laboral. O feito de ser impartido por AEMOS avala este curso, xa que a Asociación de Empresarios mosense conta coa implicación activa do empresariado en accións coma ésta, polo que facilita a realización de prácticas do alumnado nas empresas da comarca.

 

Durante a presentación desta mañá Óscar Soto dirixiuse ós asistentes cunha mensaxe positiva pois “como en ocasións anteriores, o Concello aposta por formación con sentido e con posibilidades de inserción laboral, esperando que os asistentes poidan incorporarse ao mercado e desempeñar as funcións dun auténtico xestor de emprego”, dixo o edil.

 

Pola súa banda, Francisco Domínguez, xerente de AEMOS manifestou que “a traxectoria de AEMOS en temas de emprego é unha garantía de bo facer e espera que a demostración da súa efectividade pode verse avalada proximamente coa inclusión destes demandantes en postos directamente relacionados coa xestión de persoas e os recursos humanos”.

 

O obxectivo principal do curso de ‘Xestión de Emprego’ é, por un lado, captar a oferta e a demanda de emprego para a súa xestión, seguindo o proceso de casación da oferta e a demanda ata a súa finalización; polo outro asumir o proceso e o manexo das diferentes técnicas, documentacións e medios necesarios para a xestión de emprego.

 

Os 15 demandantes de emprego con perfil universitario e traxectoria profesional relacionada coa intermediación laboral, buscan unha reciclaxe profesional e actualización de coñecementos que lle permita incorporarse profesionalmente a algunha das Oficinas de Emprego ou centros colaboradores dos servizos de emprego.

 

Perfil de Xestor de Emprego

 

Os xestores de emprego desenvolven as súas tarefas de asesoramento a demandantes de emprego, nos servizos públicos de emprego, entidades colaboradores ou en axencias de desenvolvemento, con ferramentas e instrumentos que facilitan a inserción laboral dos demandantes, mellorando o seu ocupabilidade.

 

O xestor de emprego defínese como un facilitador do proceso de inserción
sociolaboral: orienta o usuario en colaboración co resto de interlocutores implicados, deseñando e establecendo itinerarios de inserción personalizados. Deste modo, o xestor busca servir de ponte entre todas as figuras implicadas na inserción: persoas desempregadas en risco de exclusión social, o empresariado local e entidades que xestionan emprego ou formación.