Mos encara o 2019 en materia de emprego co aval dos bos resultado do ano pasado

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa e o concelleiro desta área reuníronse esta mañá co Director Xeral Alfonso Marnotes e Delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, para facer balance e presentarlles os proxectos para este ano
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, reuníronse esta mañá na Delegación da Xunta en Vigo co Director Xeral de Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e co Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves para facer un balance de toda a política de emprego desenvolvida na Axencia de Colocación mosense durante o pasado ano 2018 e abordar os proxectos de futuro inmediato, para o 2019 que comeza.
Os representantes municipais, Arévalo e Soto, destacaron “os bos resultados relativos á cifra de desemprego acadados no peche do ano 2018, no que logramos baixar da cifra de 1.000 veciños/as en paro, dannos o indicador que que nos atopamos nun bo momento para empreder accións máis ambiciosas de fomento do emprego; sobre todo todo tendo en conta que a inserción laboral que se está a lograr actualmente trátase dunha inserción de calidade. Mos está a vivir unha época de repunte do emprego que nos fai ser optimistas e nos motiva para continuar a traballar nesta liña”. Cómpre lembrar que o teito da taxa do paro acadouse en 2014 no municipio mosense, ano no que se chegou a 2.000 habitantes en situación de desemprego, dende entón comezouse unha reducción progresiva do desemprego ata chegar á situación actual.
Esta evolución positiva foi posible en gran medida grazas ao apoio da Xunta de Galicia que lle concede anualmente ao Concello de Mos axudas para desenvolver políticas de formación e emprego, ao non ser municipais as competencias nesta materia.
No ano 2018 Mos recibiu preto dun millón de euros, 987.047,5 para ser exactos, en subvencións para o fomento do emprego no municipio. Para a contratación de perceptores da prestación RISGA recibiuse unha axuda de 49.311,46 euros, para o Obradoiro de emprego Mos coa Mocidade II 154.262,40 euros, para o Obradoiro de emprego Mos Rehabilita II 288.807 euros, para a contratación dunha técnica de orientación laboral 25.000 euros, para o III Plan integral de emprego Mos 3.0 (2017-2018) 159.685,84 euros, para a contratación de persoal de Cooperación 6.400 euros, para contratación a través do programa Aprol Rural 45.000 euros e para cursos de formación AFD 249.580,8 euros.
En total, grazas a estas axudas, pasaron en 2018 pola Axencia de Colocación de Mos, 545 persoas beneficiarias das políticas de emprego municipais. Delas 350 foron usuarias do servizo de orientación laboral, 36 alumnos-traballadores dos Obradoiros de emprego, 34 usuarios do servizo de asesoramento a emprendedores e 85 integrantes do Plan Integrado de Emprego; entre outros beneficiarios.
En total a Axencia de Colocación, dende a súa creación no ano 2014, conta con máis de 6.000 persoas dadas de alta, 6.141 exactamente.
E tamén dende a Axencia en 2018 tramitáronse 113 ofertas de emprego de distintas empresas que solicitaron a súa intermediación para os seus procesos de selección, das que saíron 50 insercións laborais.
Na reunión desta mañá a rexedora local mosense e o edil de Emprego presentáronlles aos representantes autonómicos o planning de proxectos para este ano, entre os que se atopan un novo Plan integral de emprego Mos 3.0 para o que xa se concedeu unha subvención de 250.000 euros e no que participarán 100 usuarios, máis cursos AFD, Obradoiros de Emprego… etc.