Mos ensina os perigos na Internet e as redes sociais ós pais do alumnado do I.E.S.

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A primeira charla do programa “Contigo na educación” levouse a cabo o pasado venres 4 de abril

 

A concellería municipal de Educación que dirixe a edil Kely Monzón ven de organizar a primeira charla enmarcada no programa “Contigo na educación”, que consiste nunha serie de coloquios de formación transversal e continua poda chegar a tódolos/as membros da comunidade educativa, involucrando tamén no posible ao profesorado, e sobre todo as familias, os axentes máis importantes e influentes na educación dos fillos e fillas.

 

“Internet e redes sociais, alerta, ¿como actuar?” foi a primeira charla dirixida ós pais do alumnado do I.E.S. de Mos, e levouse a cabo o pasado venres 4 de abril.

 

Contando con máis de 35 persoas no coloquio, un enxeñeiro en telecomunicacións abordou nunha sesión de 2 horas de duración os seguintes puntos: a extensión e alcance das redes sociais, o uso das novas tecnoloxías dos nenos: acceso por idades, Lei Orgánica de Protección de Datos de carácter persoal, perigos na rede, delitos telemáticos, ferramentas de protección, beneficios das novas tecnoloxías e guías de bo uso na Internet.

 

Durante a finalización da sesión do venres, os pais e nais interesados puideron resolver todas as súas dúbidas a través de preguntas ó experto en telecomunicacións.

 

Sobre este programa a concelleira Kely Monzón declarou que “canto mellor sexa a formación dos diferentes axentes educativos, máis completa e de maior calidade será a educación dos nenos e nenas. Investir na formación dos pais e das nais é investir na mellora da educación da sociedade futura, é traballar polo futuro”.

 

A próxima charla deste programa será “Motivación e técnicas de estudo, como axudar no reforzo educativo” e estará dirixida ós pais e nais do alumnado do Instituto de Educación Secundaria de Mos. Esta actividade levarase a cabo o venres 7 de novembro as 19:30 horas.