Mos entrega pantallas de protección infantil para complementar ás mascarillas FFP2

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

  • O Concello merca este material á empresa mosense Pirelo, que lle doa 600 unidades á administración local
  • O reparto comezará o xoves e farase no Multiusos das Pozas

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou hoxe que o Concello mercará pantallas faciais infantís de protección para complementar ás mascarillas FFP2.

Trátase de material de protección facial fabricado pola empresa mosense Pirelo, que lle doará ao Concello 600 unidades destas pantallas infantís. Serán repartidas por rigoroso Padrón a partir do vindeiro xoves, 21 de maio, no Multiusos das Pozas. Os pais e nais de nenos/as mosenses de 3 a 14 anos poderán recoller as pantallas dos seus fillos totalmente de balde, mentres non chegan as mascarillas infantís FFP2, que serán enviadas por correo a domicilio en canto se recepcionen.

As pantallas infantís están fabricadas en PVC de diferentes cores (branco, azul, verde, amarelo e vermello) e serigrafiadas co escudo do Concello de Mos. A súa principal función é a reducción do risco de propagación de infeccións. Son pantallas antisalpicaduras, deseñadas para frear o avance do COVID-19. O seu sinxelo deseño facilita o sistema de colocación, ofrece seguridade e comodidade durante todo o día e é de fácil limpeza e desinfección. Ademais é a mellor forma de evitar que os pequenos toquen a cara coas mans suxas.

O PVC de fabricación é flexible e conta con agarre adaptable á cabeza en velcro, a pantalla ten unhas dimensións de 292 x 220 mm e permite a total visibilidade sen bloquear a vista, ao tempo que evita salpicaduras tanto frontais como laterais. Ademais estas pantallas están testadas por laboratorio e contan con certificación do ITEL-Instituto Técnico Español de Limpieza (conforme a diversas normas, entre elas a vixente norma europea EN166) que emitiu informe favorable baseado no análise técnico da mostra.

Todas as probas realizadas polo ITEL a estas pantallas tiveron en conta a Directiva Europea de productos sanitarios CEE/93/42.

Entre outros parámetros, o ITEL certifica que o PVC das pantallas infantís fabricadas por Pirelo ten unha eficacia de filtración de partículas que sobrepasa o 94%.

A empresa Pirelo conta ademais con certificados ISO e AENOR e tamén fabrica mascarillas hixiénicas reutilizables e lavables para adultos e nenos/as certificadas por AITEX.

A decisión de repartir de xeito inmediato estas pantallas surxiu debido a que as 2.000 mascarillas infantís FFP2 doadas pola empresa Rodavigo a través da iniciativa Pulso Solidario ao Concello de Mos continúan en paradeiro descoñecido e a empresa xa fixo ata 3 novos pedidos para poñerlle solución á situación, Desde Rodavigo estase facendo todo o posible para que as mascarillas infantís estean canto antes á disposición do Concello de Mos. As mascarillas enviaranse por correo postal aos domicilios da poboación mosense con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos de idade.