Mos equipárase á media galega en reciclaxe de plástico e envases lixeiros

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A concellería de Medio Ambiente quere potenciar a reciclaxe no municipio para lograr un entorno máis limpo e saudable

Tras un estudio sobre reciclaxe no Concello de Mos, realizado conxuntamente entre a concellería de Medio Ambiente mosense e Ecoembes, a edil Julia Loureiro e un representante da entidade xestora de residuos reuníronse hoxe para facer públicos os resultados de dito estudio.

A este respecto, Loureiro manifestouse en xeral satisfeita por ditos resultados, xa que en canto á reciclaxe de envases lixeiros e plásticos, isto é, todos os que deben ser depositados no contedor amarelo, a media galega de reciclaxe atópase en 9,7 Kg por habitante e ano e en Mos o dato é de 9,1 Kg por habitante e ano, de xeito que o municipio mosense atópase moi preto da media autonómica. É por iso que a concelleira de Medio Ambiente quixo dirixirse ós veciños e veciñas de Mos para animalos a que continúen reciclando o plástico e os envases lixeiros deste modo, aínda que recordándolles tamén que non deben utilizar os contedores para depositar residuos que non correspondan, xa que dita conducta errónea lle supón ó Concello un importante custe a maiores á hora de reciclar.

Por outra banda Julia Loureiro informou tamén de que “en cambio, non temos en Mos tan bos resultados no que se refire á reciclaxe de papel e cartón, situándose a media galega en 14,5 Kg por persoa e ano, mentres que o dato local sitúase en 7,6 Kg por habitante e ano”, declarou Loureiro.

É por iso que, tal e como anunciou a edil esta mañá, dende a concellería de Medio Ambiente mosenses intentarase mellorar o dato de media da reciclaxe de papel e cartón en Mos estudiando unha posible ampliación do número de contedores azuis.

Para rematar, a concelleira de Medio Ambiente quixo recordar que se están a realizar no municipio verquidos incontrolados en todo tipo de contedores, tanto nos de residuos orgánicos, coma os de vidro, papel e cartón, e plástico e envases lixeiros; nos que se está a comprobar que hai persoas que depositan sobre todo escombros de obras e residuos vexetais resultantes da limpeza de fincas, tales coma ramas, maleza, herbas, etc. E informou de que se emprenderán medidas a este respecto cun protocolo de seguemento que se vai a poñer en marcha, desenvolvido en colaboración entre a concellería de Medio Ambiente e a Policía Local, para detectar e controlar ditos verquidos indebidos impoñendo sancións a quen faga un so erróneo dos contedores.

Loureiro aproveitou esta mañá ademais para lembrarlles ós veciños e veciñas de Mos que tamén poden reciclar o seu aceite usado en bidóns destinados a tal fin, pero recalcou que o líquido a reciclar debe de ser verquido en ditos bidóns e non deixado dentro de botellas ó carón dos mesmos, como se está rexistrando que fan moitos usuarios. En definitiva, a edil de Medio Ambiente salientou que “con todos estes xestos contribuiremos a mellorar o medio ambiente de Mos e a optimizar aínda máis os nosos datos de recliclaxe de cara ó vindeiro estudio de Ecoembes”.

Recollida de enseres

O Concello de Mos tamén conta cun servizo de recollida de apareellos tales coma electrodoméstidos ou mobles vellos. Os operarios municipais en camións do Concello, pasan a recoller polos contedores os primeiro e terceiro martes de cada mes os enseres alí depositados previa chamada telefónica ó departamento de Medio Ambiente, teléfono 986 331 402, do veciño usuario que desexa desfacerse dalgún destes materiais. É por iso que, neste sentido, a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, rogou tamén hoxe que se siga dito procedemento e non se tiren os aparellos vellos das vivendas de Mos de xeito aleatorio e indiscriminado.