Mos faise eco das demandas veciñais respecto do Plan Xeral e trasládallas á Xunta

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

 A alcaldesa, Nidia Arévalo, técnicos municipais e do equipo redactor, e corporativos mosenses reuníronse esta mañá coa secretaria xeral de Urbanismo para impulsar a tramitación do PXOM

O Concello de Mos, o equipo técnico municipal e o equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal mosense, reuníronse hoxe coa secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, e o seu equipo técnico para avanzar na tramitación do Plan Xeral de Mos; pero, sobre todo, para tratar as alegacións presentadas respecto a 4 núcleos de parroquias municipais.

Ata o momento o equipo redactor do PXOM leva estudiadas as alegacións dos núcleos rurais destas 4 parroquias; o que representa que levan analizado preto da metade do total de alegacións presentadas. Dende o Concello estímase que de cara ó vindeiro verán estarán xa analizadas tódalas alegacións de núcleo rural das dez parroquias do termo municipal de Mos e se pasará, a continuación, ó estudio dos parámetros máis xerais como son zonas urbanizables e industriais, distintos viais, ordenanzas, etc; xa que a día de hoxe aínda se están a recibir no Concello diversos informes sectoriais a este respecto. A resposta ás alegacións presentadas realizarase ó final do estudio, unha vez estea analizada a totalidade de alegacións existentes.

Volvendo á reunión celebrada esta mañá en Santiago, explicar que no transcurso da mesma os equipos técnicos do Concello e da Xunta, así coma o equipo redactor do Plan, con participación tamén de membros da Corporación Municipal mosense, estiveron estudiando o conxunto das alegacións estimadas nestas 4 parroquias. Neste sentido o Concello de Mos, previo informe do equipo redactor do PXOM, amosouse favorable á estimación de alegacións nunha porcentaxe media do 63%. Deste xeito o Concello de Mos, facéndose eco das demandas veciñais nas áreas de núcleo rural e sempre cos avais do equipo redactor e técnicos municipais, pon de manifesto á Xunta o seu interese por consolidar o carácter rural do termo municipal. É así que queda demostrado que dende a administración local aténdese á inquedanza amosada polos mosenses con respecto ó documento inicial do Plan Xeral aprobado polo Pleno municipal.

Ademais, a reunión de hoxe xirou tamén en torno a outros aspectos puntuais que afectan ó planeamento urbanístico de Mos, co obxectivo de ir adiantándolle á secretaría xeral a posición do Concello.

Pola súa banda, Encarnación Rivas resaltou a importancia da coordinación entre administracións para conseguir, neste caso, dotar ao Concello de Mos de figuras urbanísticas de planeamento que ordenen o territorio deste municipio. A Xunta e o Concello xa mantiveran outras xuntanzas de traballo no ano 2012 para analizar e avanzar na tramitación do Plan Xeral.

Na actualidade, o Concello de Mos conta cunhas Normas subsidiarias de planeamento aprobadas en1992. Aredacción do PXOM está a efectuarse dende o ano 2008. Cabe engadir que en maio de 2012, consta Informe Previo á Aprobación Inicial coa conseguinte aprobación inicial.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, achegou preto de 200.000 euros en concepto de axudas para a redacción do PXOM e para adaptar os traballos do planeamento á Lei 2/2010 de 25 de marzo.