Mos felicita a Juan Ferrón e aos seus compañeiros do Club Natación Mos polos grandes resultados da tempada

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O nadador despuntou na World Paralimpic Series de Berlín, competición de Natación Adaptada

Esta tarde celebrouse no Concello de Mos o acto de recepción a Juan Ferrón, do Club Natación Mos, que participou na World Paralimpic Series de Berlín con excelentes resultados; e aos demais nadadores e nadadoras do Club Natación Mos -47 en total- pola boa tempada realizada. Ao acto para felicitar aos nadadores/as mosenses asistiron parte dos preto de 50 rapaces integrantes do equipo acompañados das súas familias, membros da directiva do Club Natación Mos, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, Begoña Toucedo, concelleira de Deportes, e demais membros da Corporación Municipal.

O nadador do Club Natación Mos, Juan Ferrón, (único representante galego na FEDC, Federación Española de Deportes para Cegos) participou o pasado mes de xuño na World Paralimpic Series de Berlín de Natación Adaptada, e logrou uns grandes resultados tanto por tempo como por puntuación.

Por outra banda os resultados máis destacados da tempada dos nadadores do Club Natación Mos en xeral foron os seguintes: 17 nadadores clasificados para os diversos Campionatos Galegos, 6° posto de 30 clubs na Liga Galega Infantil de Natación, 3° posto na Liga Provincial de Clubs de Natación, 12° clasificado de 31 na Liga Benxamín, 3 medallas no Trofeo Internacional Promesas do Lérez, 14 medallas no Trofeo Marismas de Redondela, 9 medallas no Trofeo Amizade, e 10 Medallas no Trofeo Codesal. Trátase duns resultados moi salientables nas diversas ligas e trofeos disputados nesta última tempada.

No caso concreto de Juan Ferrón, o pasado día 6 xuño nadou na capital alemana os 100 metros bolboreta na sesión matutina, onde logrou o pase á final Youth na sesión vespertina, mellorando o tempo da mañá, cerca da súa MMP, sendo 3° por puntuación multidiscapacidade e 2° por tempo.

O día 7 xuño nadou os 100 metros Libres, cun tempo de 1,00,73 non logrou o pase á final, pero aproximouse á súa mellor marca en piscina de 50 metros.

O día 8 de xuño nadou os 50 Libres firmando nas preliminares un tempo de 28:00.

O día 9 de xuño nadou os 50 metros bolboreta. Pola mañá nadou en 29,57 logrando o pase á final Youth e na sesión vespertina logrou mellorar o tempo da sesión matinal logrando ser 3° por puntos de multidiscapacidade pero 1° en marca e facendo MMP.

Así mesmo a fin de semana do 15 e 16 de xuño tanto Juan como o adestrador do Club Natación Mos, Alberto “Xouba” Pereira, viaxaron ata Tenerife para participar no Campionato de España por clubs de Natación, o Tenerife Top Training.