Mos fomenta a concienciación medioambiental na infancia mediante o coñecemento por parte dos escolares do municipio dos recursos naturais propios

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Para elo organizouse onte unha actividade de sendeirismo guiado polo Sendeiro Ecolóxico do Río Louro

 

A concellería de Educación e Participación Cidadá do Concello de Mos que dirixe a edil Kely Monzón organizou unha saída ó Sendeiro Ecolóxico do Río Louro para os escolares mosenses que cursan 6º de Educación Primaria, que se celebrou onte e que se atopa incluída no programa de actividades dentro do horario escolar que a administración local lle ofrece ós centros educativos do termo municipal.

 

A concelleira Kely Monzón explicou que “con esta iniciativa preténdese fomentar o coñecemento dos recursos naturais que hai no noso Concello, concienciar ó alumnado dos colexios mediante unha educación ambiental sobre a problemática que está a sufrir o medio natural, tanto a nivel mundial como o medio onde vivimos, debido á intervención negativa que fai o ser humano nos distintos ecosistemas”.

 

Tendo isto en conta, decidiuse realizar un percorrido didáctico polo Sendeiro Ecolóxico do río Louro para que os estudantes coñeceran de preto os distintos elementos que forman a fauna e a flora deste hábitat de mans de Salvador Sío, guía especializado, funcionario do Concello de Mos, quen lles explicou en profundidade ós rapaces participantes nesta actividade as características da flora e a fauna existente na zona do río que pasa polo municipio de Mos, en aras de fomentar neles hábitos de coidado da natureza, espertar a curiosidade e interese pola mesma; e darlles a coñecer os recursos naturais da zona, neste caso o sendeiro do río Louro.

 

A actividade consistiu nun percorrido polo paseo do río Louro dunha duración de hora e media aproximadamente, tempo durante o que Sío, guía especializado funcionario do Concello de Mos, foi explicando os distintos elementos naturais. O alumnado e o profesorado puideron coñecer así as distintas especies que abondan polo río. Como apoio, contouse cunhas guías onde aparecen as distintas especies da zona e ás que se referiu o guía durante o sendeirismo.