Mos fomenta a creatividade navideña dos máis pequenos co seu tradicional concurso de postais

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os cativos mosenses teñen ata o día 22 para presentar as súas creacións na Biblioteca Municipal

 

Coa chegada do Nadal chega a Mos tamén, como cada ano, o concurso infantil de postais de Nadal para cativos de 3 a 12 anos de idade. Entrarán en concurso todas as postais entregadas ata o día 22 de decembro na Biblioteca Municipal. Haberá tres categorías e cada unha delas terá un premio que constará dun lote de libros e material escolar máis un diploma: categoría 1, nenos de 3 a 5 anos; categoría 2, nenos de 6 a 8 anos, e a categoría 3, nenos de 9 a 12 anos.

 

O días 27 e 28 de decembro un xurado composto polos propios nenos/as participantes no concurso valorará a calidade e orixinalidade das postais presentadas, así como os seus valores positivos. Os premios entregaranse o venres 29 de decembro de 2017 nun acto de animación á lectura, que se celebrará no auditorio do Multiusos das Pozas ás 19.00 horas.

 

A edil de Cultura do Concello de Mos, Sara Cebreiro, declaraba esta mañá sobre o concurso que “dende a Biblioteca Municipal queremos aproveitar esta época tan marabillosa do ano para potenciar a creatividade dos nosos escolares e sobre todo fomentar a lectura e a escritura nos nosos cativos poñendo en marcha o tradicional Concurso de Postais de Nadal Concello de Mos”, explicou a concelleira Cebreiro.

 

As características que deben cumprir as postais dos nenos participantes para poder entrar en concurso son as seguintes: pode ser en galego ou en castelán, pódeselle engadir ademais de debuxo todo tipo de ilustracións, fotos, etc.; pódense empregar os materiais que se desexasen: ceras, lapis, bolígrafos, rotuladores, telas, recortes, etc.; o tamaño non debe exceder dun folio tamaño A4 por un só lado, e a medida mínima é de medio folio A4 por un só lado; en relación ao tema, os pequenos poden engadir tamén unha frase na postal, que pode ser un desexo que non sexa de carácter material ou expresando que lles gustaría que cambiase no seu contorno cotián, dos amigos/as, familiares, na escola, dos pais, etc.; e, por último, a postal debe ser obra do/a propio/a neno/a, e debe incluír ao final, como mínimo, o seu nome, idade, enderezo e teléfono de contacto (só se acepta unha postal por persoa).