Mos goza dunha comunidade escolar profundamente concienciada co medio ambiente

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Un novo centro súmase ás iniciativas de protección medioambiental, trátase do CEIP de Atín, que onte fixo unha saída aos Muíños da Salgueira en Pereiras para recoller lixo
Onte mércores, 28 de abril, o alumnado de 5º e 6º cursos de Educación Primaria (40 alumnos e alumnas en total), do CEIP de Atín-Cela, fixo unha saída á zona dos Muíños da Salgueira, na parroquia de Pereiras, acompañados do veciño da zona, Daniel Lago Pérez, e de voluntarios/as de Protección Civil de Mos, co fin retirar lixo da zona.
Segundo explica Daniel “desde a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras viñamos de realizar previamente labores de desbroce na zona descubrindo moitos desperdicios que se atopaban ocultos baixo a masa verde. Descubrimento co que tanto alumnado como profesorado do CEIP de Atín se sensibilizaron enormemente desde o principio, prestándose voluntarios para retiralo demostrando unha gran concienciación medioambiental”.
Tal e como informan os mestres responsables desta iniciativa, Edu, Fani e a titora de 5º, Joana, “esta visita estivo emarcada dentro do programa presentado á Voz Natura e que, baixo o nome de Refugallo Cero, pretende concienciar ao alumnado sobre a importancia de ser cosumidores responsables, reducir os resudios xerados e reciclar. Así mesmo, procura concienciar ao alumnado sobre a contaminación que produce o noso lixo no entorno”.
Tratouse dunha saída tan medioambientalmente comprometida que ata os escolares non realizaron uso de ningún tipo de transporte, como o autocar, que producise emisións, senón que se dirixiron a pé desde o centro educativo ata a zona dos Muíños da Salgueira, onde ademáis de atoparse con veciños e veciñas do lugar -con algúns ata compartiron charla no lavadoiro- recibiron a visita dos concelleiros de Educación, Julia Loureiro, e de Medio Ambiente, Leo Costas.