Mos homenaxea a campiona galega Junior de 50 metros braza

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Foi recibida pola alcaldesa e a Corporación Municipal esta mañá no Concello

 

Esta mañá celebrouse no Concello de Mos unha recepción en recoñecemento dos éxitos deportivos da nadadora do Clube de Natación Mos, Alicia Davila Silva, no Campionato Galego Junior e Infantil. Obtendo neste, sendas medallas de ouro e bronce nas probas de 50 metros braza e 100 metros braza, respectivamente.

 

O acto contou coa presencia da propia campiona galega, da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro mosense de Deportes, Isidoro Táboas, o adestrador do Clube de Natación Mos, Luis Alberto Pereira, e varios membros máis da Corporación Municipal mosense.

 

Alicia Davila Silva ten15 anos, é veciña da parroquia mosense de Sanguiñeda e alumna do IES de Mos pasando a cursar, a partir do vindeiro mes de setembro, 4º da ESO. Na presente tempada Alicia participou no Campionato de España Junior e no Campionato Galego Junior e Infantil. Obtendo neste último, como xa se dixo, medallas de ouro e bronce nas probas de 50 metros braza e 100 metros braza. Tamén quedou 5ª en 200 metros estilos no  mesmo Campionato Galego.

 

Dende que compite no Clube de Natación Mos sempre obtivo as marcas mínimas necesarias para participar no Campionato Galego Junior, e este ano para participar tamén, ademais de no Galego, no Campionato de España Junior na proba de 100 metros braza (quedando 13ª entre 40 participantes).

 

Esta promesa da natación mosense leva competindo no Clube de Natación Mos dende a tempada 2003-2004, 10 anos en total, o seu adestrador é Luis Alberto Pereira e, ademais dela, o Clube de Natación Mos está integrado por outros 39 deportistas, nadadores e nadadoras, de 6 a 25 anos de idade.

 

Con motivo deste recoñecemento municipal, a directiva do Clube de Natación Mos quixo felicitar á campiona, así coma a tódolos demais nadadores e nadadoras do equipo, e ó adestrador, Luis Alberto Pereira, por “entre todos, lograr poñer ó Clube entre os mellores equipos de natación a nivel nacional”.

 

Actualmente o Clube está integrado por 40 deportistas, nadadores e nadadoras, e xa se atopa aberto o prazo de inscrición para os interesados en formar parte no mesmo de cara a vindeira tempada. Todas as persoas, de 6 a 25 anos de idade, interesadas en incribirse poden facelo chamando por teléfono ó 628 78 00 23.