Mos homenaxea á subcampioa de España de Hípica por equipos e 8ª individual

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Yara Iglesias participou o 30 de outubro en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) nos Campionatos de España Alevín, Infantil e Interautonomías de Hípica, onde o seu cabalo, “Apolo”, tamén conseguiu o 4º posto no Campionato de España de Cabalos Novos

 

Outra mosense que destaca no mundo deportivo. Trátase de Yara Iglesias que, formando parte do equipo da Federación Galega de Hípica, quedou subcampioa de España do Campionato Interautonomías de Hípica e 8ª individual. Ao mesmo tempo, o seu cabalo “Apolo” conseguiu o 4º posto no Campionato de España de Cabalos Novos. Por tales logros organizóuselle unha recepción esta tarde no Concello de Mos na que foi felicitada e homenaxeada pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, José Areal, concelleiro de Deportes e demais membros da Corporación Municipal mosense.

O pasado sábado 30 de outubro, disputáronse en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) os Campionatos de España Alevín, Infantil e Interautonomías de Hípica. Unha carreira que a priori, debería ser unha proba fácil, pensada para que os nenos de entre 12 e 18 anos gozasen ao máximo poñendo fin á tempada 2021, complicouse por mor do temporal que azoutou á península a fin de semana.

Un total de 44 binomios tomaron a saída na proba de 60 quilómetros na que Galicia contaba coa representación dun combinado formado pola mosense Yara Iglesias (16), Olivia Gómez (13), Laura Nieves (13), Alejandro Brandariz (12) e Silas Barreira (12).

Os 63 km totais dividíronse en 3 fases de 20,23 e 20 km cada unha. Os primeiros 20 km fixeron presaxiar que a carreira ía estar moi disputada e ía ser dunha gran dureza. Os cabalos non recuperaban como era habitual, o vento azoutaba ás árbores provocando unha excitación inusual nos cabalos e a choiva e o barro poñíano aínda máis difícil. As caídas e o cansazo provocaban a descualificación e a retirada dos binomios, pero os representantes galegos aguantaban o tipo.

Xa na segunda fase, Laura Nieves, demostrou que a súa idade non está rifada coa súa experiencia, e foi por iso que se deu conta que á súa montura o terreo e a climatoloxía estaba a pasarlle factura e que para evitar que “Século Alma” sufrise máis do necesario decidiu retirarse e deixar en mans dos seus compañeiros o resultado final.

Transcorridos os primeiros 43 km o equipo galego continuaba pelexando de xeito conxunto polas medallas co equipo catalán e o anfitrión, o andaluz, a pesar dos moitos retirados e descualificados por non superar os exaustivos controis veterinarios, os outros catro integrantes do combinado galego seguían en carreira.

A carreira non podía estar máis interesante, 8 binomios pelexaban polas 3 medallas individuais a falta duns poucos quilómetros. Finalmente, o equipo catalán acabou alzándose co ouro por equipos conseguindo tamén o ouro individual e prata individual, seguido por moi pouco do galego Silas Barreira montando a “Scarlett” que logrou o bronce.

Os outros representantes galegos conseguiron o 6º posto (Olivia Gómez con “Viriato”), 8º posto (Yara Iglesias con “Apolo”) e 19º (Alejandro Brandariz con “Vetonia”). Ao mesmo tempo, o cabalo “Apolo JG” montado por Yara Iglesias, conseguiu o 4º posto no Campionato de España de Cabalos Novos.

Por equipos Cataluña, que é o berce nacional deste deporte, alzouse co ouro, seguido moi de preto de Galicia e xa un pouco máis demorados, os anfitrións, Andalucía.