Mos honra ás súas mulleres con poesía, música e teatro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Actuarán no Multiusos, mañán os grupos musicais ‘Os Filandeiros’ e ‘Sobreira’, e o domingo o Grupo de Mulleres do Obradoiro de Teatro na Igualdade coa obra ‘Acto Imprevisto’

 

Hoxe, venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller, realizouse no Concello de Mos en horario de12.00 a13.00 horas un acto simbólico consistente no reparto de insignias conmemorativas da data, coa colaboración das mulleres do Grupo de Teatro na Igualdade. A profesora e directora do grupo de teatro, Chelo Pampillón, declamou dous poemas da célebre autora Rosalía de Castro, unha das mulleres galegas máis insignes e relevantes.

 

No acto desta mañá estiveron presentes a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a concelleira de Benestar Social, Sara Cebreiro, e representantes de diversos colectivos do municipio que a diario traballan pola igualdade no máis amplo dos seus sentidos, tales coma a Garda Civil, a Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos Asodifisi, o Club de Leones de Mos, etc.

 

Cebreiro, edil responsable do mesmo, explicou que “o programa deste ano con motivo do Día Internacional da Muller céntrase en dous grandes actos que terán lugar no centro Multiusos das Pozas, parroquia de Petelos, mañán sábado e o domingo, días 9 e 10 de marzo, respectivamente”.

 

Mañán realizarase, a partir das 20.00 horas da tarde, no auditorio do Multiusos, un acto conmemorativo coa correspondente lectura dun manifesto, e contarase coa actuación do grupo de adultos da Escola Municipal de Música de Torroso, ‘Os Filandeiros’, e tamén do grupo de pandereteiras, ‘Sobreira’, da mesma Escola. Sobre o grupo de adultos da Escola de Música a edil Sara Cebreiro quixo destacar “o mérito do seu labor ó ser persoas maiores que incluso despois da xubilación deciden continuar estudiando, aprendendo a tocar un instrumento, e colaborando desinteresadamente co movemento cultural mosense en actividades coma esta”, declarou Cebreiro.

 

A actividade organizada para o domingo dará comenzo ás 18.00 horas e consistirá na interpretación da obra ‘Acto Imprevisto’ a cargo do Grupo de Mulleres do Obradoiro Teatro na Igualdade do Concello de Mos. Esta iniciativa dá continuidade ós outros tres obradoiros previos de teatro que se organizaron dende a concellería de Benestar Social que dirixe Cebreiro con motivo do Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero dos anos 2011 e 2012 e do Día Internacional da Muller do ano pasado. Neste sentido, a concelleira explicou que “esta actividade está dirixida a contribuir a promover a igualdade entre homes e mulleres, e que esa normalización da igualdade axude a eliminar lacras sociais como a violencia de xénero”.

 

Segundo explicou Cebreiro, “con este programa de actividades preténdese destacar o papel da muller na actualidade e a súa contribución para lograr saír da actual crise económica, o esforzo realizado polas mulleres hoxe en día para lograr conciliar as súas vidas familiar e laboral cando son nais traballadoras, o tesón das mozas que buscan o seu primeiro emprego, o valor das emprendedoras e pequenas empresarias mosenses, a entrega das deportistas e dos clubes deportivos femininos de Mos; e a solidariedade das mulleres que xestionan as asociacións de diminuídos físicos e psíquicos de Mos como son Asodifisi e as Escravas da Virxe Dolorosa, entre outros colectivos de mulleres mosenses así como casos individuais, que merecen ser honradas polo menos unha vez ó ano”, asegurou a edil.