Mos imparte un curso de excarceración á Policía Nacional e Garda Civil

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Protección Civil organiza esta acción formativa cuia parte práctica é posible gracias ó equipo cedido en maio pola Garda Civil de Porriño á administración local mosense

 

O Concello de Mos, en concreto o Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, e o grupo de Protección Civil de Mos organizan un Curso de Técnicas de Rescate en Accidentes de Tráfico que se impartirá os días 21 e 22 de setembro no Parque do Servizo de Emerxencias do Concello de Mos, sito na Veigadaña.

 

Segundo explicou hoxe a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, trátase dunha acción formativa de 16 horas de duración impartida polo persoal de Emerxencias e Protección Civil mosenses a un total de 20 axentes dos corpos de seguridade do Estado: 10 policías nacionais e 10 gardas civís de Tráfico.

 

Os contidos a abordar durante este curso son zonificación dun accidente, medios de extinción de incendios, ferramentos de traballo na excarceración, técnicas de abordaxe, técnicas de inmovilización, equipos de protección individual, manobras de extracción de vítimas, prácticas de extracción de vítimas, prácticas de inmovilización de vehículos, taller de traballos e prácticas de extracción de vítimas con excarceración.

 

O curso, cunha duración dunha fin de semana, impartirase en horario de mañá e tarde o sábado, e en horario de mañá o domingo. O sábado 21 de setembro as clases desenvolveranse de 09.00 horas a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 horas a 20.00 horas pola tarde; e o domingo, día 22, só de mañá de 09.00 horas a 14.00 horas.

 

Os catro profesionais que imparten este curso contan todos con titulación superior e son Santiago Iglesias, arquitecto superior, técnico superior en Prevención de Riscos Laborais, técnico superior en Protección Civil e instructor de bombeiros; César Lago, funcionario do Servizo de Extinción de Incendios do Concello de Pontevedra e técnico superior en Protección Civil; Javier Ferreira, técnico en Emerxencias Sanitarias, instructor de Primeiros Auxilios e traballador do servizo 061; e José Antonio Fortes, formador de bombeiros.

 

Formación práctica

 

A acción formativa Técnicas de Rescate en Accidentes de Tráfico combina clases teóricas e prácticas. As horas prácticas poderanse impartir gracias ó equipo de excarceración que lle foi doado fai uns meses ó Concello de Mos pola Garda Civil de Porriño.  

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira Julia Loureiro, responsable do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos, e o coordinador de dito servizo, Rodrigo Iglesias, xunto con membros da Policía Local mosense, recepcionaron o pasado mes de maio no destacamento da Garda Civil de Tráfico de Porriño un equipo de excarceración de mans do tenente xefe do destacamento, Miguel Cruz Trillo.

 

Dende o Servizo Municipal de Emerxencias mosense surxiu a idea de solicitarlle o equipo de excarcelación á Garda Civil ó saber que posuían un sen utilizar. Así, dende o Concello se cursou petición formal á Dirección Xeral de Tráfico que resolveu cederlle en uso á administración local este equipo que agora se emprega para rescate de persoas en caso de accidentes de tráfico, ou de incendios para abrir portas etc., por parte do Servizo de Emerxencias e polos voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Mos, ademais de en tódolos casos en que se necesita para atender urxencias xestionadas polo 112.

 

A este respecto Julia Loureiro declarou que “ó ter xa o equipo de excarcelación en Mos instalado no vehículo B.U.L. do Servizo Municipal de Emerxencias redúcense moito os tempos de asistencia en caso de urxencias en viais municipais ou que pasen polo Concello, así coma nas localidades veciñas; co que se gaña un tempo precioso en momentos cruciais nos que se atopan vidas humanas en perigo”.

 

O equipo cedido a Mos pola Garda Civil trátase dun material valorado entre 18.000 e 24.000 euros da marca Enerpac e que consta de varios elementos tales coma arranque, separador, multiusos ou especie de cizalla, etc. Este equipo de excarcelación permanece listo para o seu uso instalado nun dos camións do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, concretamente o B.U.L., Bomba Urbana Lixeira. A instalación do equipo nun destes camións debe facerse así dacordo co protocolo de seguridade que establece que o excarcelador ten que estar instalado nun vehículo que estea equipado con auga e que dispoña de equipamentos dotacionais para rescate de persoas, extintores, material sanitario, camilla de palas e material auxiliar, todo elo necesario para darlle unha mellor cobertura ós servizos de rescate.

 

A maiores de ser utilizado en accidentes e emerxencias, o equipo de excarcelación cedido en uso a Mos pola Garda Civil serve para impartir cursos de manexo do mesmo a voluntarios de Protección Civil, Gardas Civís e outro persoal cualificado, tal e o caso da acción formativa que terá lugar os vindeiros días 21 e 22 deste mes. Ditas accións formativas impártense nas instalacións do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos, que, como xa se dixo, atópanse situadas na Veigadaña.