Mos inagura o seu 5º Pavillón

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Hoxe, día 09 de novembro, ás 17:30 horas, inaugurouse o pavillón de Castro – Mos coa presenza do Presidente da Deputación de Pontevedra, D. Rafael Louzán e a Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañados dos demais concelleiros membros do goberno municipal.

Ademais do descubrimento dunha placa conmemorativa, fíxose a bendición do pavillón e, unha vez feito o percorrido das autoridades polas instalacións, procedeuse á realización das intervencións da alcaldesa e do presidente da Deputación que inauguraron así oficialmente o pavillón para que o alumnado  de Educación Infantil e Primaria do colexio Mestre Martínez Alonso poida xa facer uso do novo pavillón situado xunto ao centro escolar. Ademais as instalacións serán utilizadas tamén para as actividades extraescolares do propio centro educativo e outras actividades programadas polo Concello de Mos.

 

O acto estivo acompañado pola actuación do grupo folclórico do Círculo Cultural e Recreativo de Torroso. Así mesmo, dende 16:00h ata a finalización do acto de inauguración, realizáronse actividades lúdicas para os nenos alí presentes, consistentes en hinchables, globoflexia, pintura de caras e animacións infantís varias.

O pavillón sitúase nos terreos desafectados nos que se situaban as antigas vivendas de mestres do colexio Castro-Mos e a súa construción supuxo unha inversión de máis de 800.632€, que foron financiados entre a Deputación e a administración local. Concretamente o 75% do custe total do pavillón financiouno a Deputación, que fixo un desembolso de máis de 600.474 €.

O pavillón conta cunha pista deportiva cuberta homologada e dispón de vestiarios e aseos nunha superficie útil de 1.193 metros. No lateral da pista deportiva cuberta atópase unha grada con asentos para 110 persoas e, exteriormente, unidos por un corredor, os vestiarios e aseos adaptados. Tanto o acceso coma as zonas comúns son accesibles para persoas con mobilidade reducida.