Mos incrementou o ano pasado nun 85% as licencias de primeira ocupación

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O balance dos resultados de 2012 do departamento municipal de Urbanismo é moi positivo demostrando que a localidade está en fase de crecemento

 

A concelleira de Urbanismo mosense, Julia Loureiro, fixo hoxe público un balance dos resultados obtidos por dito departamento municipal durante o pasado ano 2012, no que se reflicte tamén a evolución positiva de ditos resultados con respecto ó exercicio do 2011.

 

Loureiro destacou deste balance catro dos datos máis relevantes: o enorme incremento das licencias de primeira ocupación, o aumento das licencias de obra menor e actividade, e o mantemento das licencias de obra de vivenda nova e obra maior.

 

Este último dato, de que se mantiveron, no ano 2012 respecto do 2011, as licencias de obra de vivenda nova e obra maior “é indicativo”, tal e como explicaba Loureiro, “de que a pesar da crise económica o termo municipal de Mos sigue a ser elixido como lugar para establecer residencia”. Conclusión que se afianza co dato do incrible aumento, durante o 2012, do número de concesión de licencias de primeira ocupación respecto do 2011, que supuxo un incremento de ata o 85% de licencias concedidas.

 

O aumento do número de licencias por obra menor concedidas en 2012, respecto do ano anterior, foi do 16%; mentres que o aumento de licencias de actividade representa unha porcentaxe do 12%. A maioría destas licencias de actividade concedidas polo departamento de Urbanismo do Concello de Mos foron para empresas que se asentaron no Parque Empresarial Mos-Veigadaña, co que se demostra que este polígono industrial continúa cunha óptima progresión de crecemento e que “Mos está crecendo, non só en cidadáns que deciden establecer a súa vivenda nesta localidade, senón tamén en empresas que nos elixen como lugar de asentamento para as súas dependencias e instalacións”, declaraba a concelleira delegada de Urbanismo.

 

Ademais de todos estes datos de carácter moi positivo, Julia Loureiro quixo lembrar que o ano 2012 foi tamén o da aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal, feito de gran relevancia para o Concello que, xunto cos incrementos das licencias concedidas por Urbanismo en 2012 de primeira ocupación, de obra menor e de actividade refrendan a realidade de que Mos está crecendo.

 

Para concluir, Loureiro calificou as cifras do balance de Urbanismo do ano 2012 como “moi positivas” e asegurou que “demostran que Mos continúa a crecer urbanísticamente a pesar da crise económica”. Neste sentido, a edil informou tamén de que as expectativas para o presente ano 2013 son igual de positivas que as do ano pasado, xa que o balance rexistrado durante as Xuntas de Goberno Local celebradas durante os dous últimos meses, ás que se levan a aprobación asuntos urbanísticos, continúan na mesma progresión que en 2012. Sen ir máis lonxe, na Xunta de Goberno Local que se celebrará a vindeira semana aprobarase a implantación de dúas novas empresas no polígono da Veigadaña.