Mos inicia a optimización integral da Escola Infantil da Porteliña que fora recentemente proxectada

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

DSC_0070A administración local traballa en coordinación co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

 

Están en marcha traballos de optimización xeral das instalacións da Escola Infantil da Porteliña e que se iniciaron aproveitando o parón lectivo con motivo das vacacións de Semana Santa. A concelleira de Política Social e Cultura, Sara Cebreiro, supervisaba esta mañá as obras consistentes na acometida de melloras tales coma: cambio do chan de toda a Escola, renovación do mobiliario en tódalas aulas, pintado interior das dependencias, instalación dun novo módulo de xogos infantís no xardín exterior, e apertura de portas en tódalas aulas que dean entrada e saída directas dende as mesmas ó devandito xardín.

 

A edil Sara Cebreiro, supervisou hoxe os traballos iniciados na Escola Infantil da Porteliña e explicou que “este proxecto de mellora integral das instalación está a ser levado a cabo en coordinación co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar”. E é que, segundo explicou Cebreiro, as dependencias sitas na Porteliña teñen unha antigüidade que xenera necesidades propias do uso continuado de tantos anos e que coa acometida desta obra estanse a subsanar.

 

Precisamente o pasado mes de febreiro o Concello de Mos viña de acometer traballos de mellora na cociña da Escola Infantil da Porteliña, que continuaron coa renovación do chan da mesma. A optimización da zona de cociña da Escola completouse coa instalación de novos aparellos electrodomésticos por parte do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

 

A da Porteliña foi a primeira Escola Infantil pública do municipio de Mos e sería a única ata xuño de 2011, que foi cando se inaugurou a Escola Infantil de Cototorrón. E a localidade mosense xa ten proxectada agora unha terceira Escola Infantil, que nesta ocasión ubicarase na Veigadaña.

 

Esta nova Escola da rede galega ‘A Galiña Azul’ vai elevar ata 164 as prazas públicas de educación infantil do Concello de Mos. O novo edificio constará de 82 prazas e 6 unidades, e un orzamento de 800.000 euros. A previsión é que estea en funcionamento no 2017.

 

Ademais deste novo centro na Veigadaña, a Xunta de Galicia puxo en marcha a Escola Infantil de Cototorrón (41 prazas), que abriu as súas portas – como xa se dixo – en xuño de 2011. Unha vez aberta a futura gardería da Veigadaña vanse multiplicar por catro as prazas públicas de educación infantil existentes en Mos en 2009.

 

O Concello de Mos dispón xa de 82 prazas distribuídas en dúas escolas: a de Porteliña, que oferta 41 prazas, e a de Cototorrón, con outras 41 prazas. A nova Escola Infantil da Veigadaña terá unha superficie útil de 600 metros cadrados, situada no núcleo rural de Veigadaña. A terceira Escola Infantil da localidade mosense será pronto unha realidade. Dada a gran demanda de prazas de gardería que aumenta anualmente de xeito substancial, a nova Escola Infantil que se construirá en Mos será do formato de seis módulos, que é o máis grande de entre os existentes.