Mos inicia unha nova medida de control de gasto cun contrato pechado de material e servizos para Vías e Obras

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O procedemento de contratación limita o gasto a 37.000 euros anuais

 

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Vías e Obras, Alberto Méndez, informaron hoxe da formalización dun contrato pechado para o subministro de servizos e material de vías e obras durante un ano. Tal e como explicaron os representantes municipais esta mañá, “o obxectivo deste contrato é o de limitar o gasto”.

 

Trátase dunha medida de control coa que se optimizará o gasto en servizos e material para o departamento de Vías e Obras, evitando así sobrepasar o importe anual de 37.000 euros, que é o fixado tras a tramitación do devandito procedemento de contratación.

 

O contrato foi levado a cabo tras un estudio previo realizado pola concellería de Vías e Obras de Mos, dirixida polo edil Alberto Méndez; estudio tras o cal se chegou á conclusión da oportunidade que supuña formalizar o procedemento a fin de optimizar gastos e lograr mellores prezos no subministro de material e prestación de servizos.

 

Para redactar o estudio ou informe previo ó inicio do procedemento de contratación, preparouse unha listaxe coa selección do material de vías e obras máis usado, así coma dos servizos máis demandados.

 

En resumo, Méndez concluiu que con este contrato anual, con importe  pechado de 37.000 euros, para o subministro de servizos e material de vías e obras, “conséguese unha maior eficiencia no gasto determinando os materiais e servizos que son máis asiduos e demandados polo Concello en materia de Vías e Obras, logrando así neles un prezo pechado que repercuta positivamente no gasto anual”.