Mos leva a aprobación as bases das axudas municipais para compra de material escolar

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Poderán beneficiarse desta subvención pais, nais ou titores mosenses de alumnos matriculados para o vindeiro curso escolar 2013-2014

 

O Concello de Mos levará a aprobación á Xunta Local de Goberno da vindeira semana as bases reguladoras de axudas municipais para adquisición de material escolar para o curso 2013/2014.

 

Segundo informou hoxe a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, trátase de subvencións ás familias do alumnado, empadroadas en Mos, de Educación Infantil, primeiro e segundo ciclos, Primaria e Secundaria para a adquisición de material escolar; considerado este como aquel necesario para realizar as actividades que se desenvolvan ou que se promovan no centro docente do alumno en cuestión, tales coma cadernos de soporte, material de papelería non reutilizable ou material de manualidades.

 

Quedan expresamente excluídos destas axudas os libros de texto que sexan subvencionados ou cedidos por outras administracións.

 

Poderán ser beneficiarios desta subvención os pais, nais ou titores de alumnos matriculados para o vindeiro curso escolar, que estean empadroados no Concello de Mos e que cumpran o baremo económico establecido, que non pode superar os 798,76 euros no caso de unidade familiar de dous membros, 1198,15 euros no de tres membros, 1597,53 euros no de catro membros, 1996,91 euros no de cinco membros, 2396,29 euros no de seis membros; e 2795,67 euros no de sete membros. Os ingresos económicos que se computarán para realizar a valoración da adxudicación da axuda serán os dos seis primeiros meses do ano 2013. Para a concesión da subvención terase en conta o número de membros e a renda per cápita da familia, partindo do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM=532,51 euros).

 

O importe das axudas será de ata 20 euros para pais de alumnos de Educación Infantil con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos, ata 40 euros para os de Educación Infantil de 3 a 6 anos de idade, ata 30 euros para os de Educación Primaria, e tamén de ata 30 euros para os de E.S.O. (Educación Secundaria Obligatoria).

 

O orzamento total destinado polo Concello de Mos para a concesión destas axudas ascende a 5000 euros.

 

A xestión deste procedemento levarase a cabo polo departamento municipal de Benestar Social que dirixe a edil Sara Cebreiro, ó que irán dirixidas as solicitudes para acollerse a esta subvención. A publicación das bases destas axudas que se aprobarán a vindeira semana en Xunta Local de Goberno, e a resolución da mesmas, realizarase no taboleiro de anuncios do Concello de Mos; e anunciaranse no Boletín Oficial da Provincia, BOP, tanto a convocatoria como o prazo de presentación de solicitudes. As solicitudes deberán presentarse, segundo o modelo facilitado no Concello, no prazo de 20 días, contando dende o día seguinte á publicación do anuncio no BOP.